• O pasado venres 31 de xullo de 2020 publicáronse no Diario Oficial da Unión Europea as normas legais que se deron en chamar “Paquete Europeo da Mobilidade”.
  • Cada normal legal inclúe diferentes datas de entrada en vigor, sendo o 20 de agosto de 2020 cando o fagan as primeiras medidas relativas aos tempos de condución e descanso.

QUE INCLÚE O PAQUETE DE MOBILIDADE

Logo de tres anos de tramitación, o Diario Oficial da Unión Europea publicou o pasado 31 de xullo de 2020 as normas legais que inclúe o Paquete de Mobilidade, concretamente:

Regulamento (UE) 2020/1054 polo que se modifica o Rglto. (CE) 561/2006 no que respecta aos requisitos mínimos sobre os tempos de condución máximos diarios e semanais, as pausas mínimas e os períodos de descanso diarios e semanais e o Rglto. (UE) 165/2014 no que respecta ao posicionamento mediante tacógrafos.
Regulamento (UE) 2020/1055 polo que se modifican os Rgltos. (CE) 1071/2009, 1072/2009 e 1024/2012 co fin de adaptalos á evolución do sector do transporte por estrada.
Regulamento (UE) 2020/1056 sobre información electrónica relativa ao transporte de mercadorías.
Directiva (UE) 2020/1057 pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e a Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e pola que se modifican a Directiva 2006/22/CE no que respecta aos requisitos de control do cumprimento e o Reglamento (UE) 1024/2012.

Se ben o vindeiro 20 de agosto de 2020 entrarán en vigor destacadas novidades relativas aos tempos de condución e descanso, non todas as novidades incluídas no Paquete de Mobilidade entrarán agora, senón que cada normal legal inclúe diferentes datas de entrada en vigor, en función da necesidade de conceder un prazo transitorio de adaptación ás novas regulacións introducidas.

Así, as novidades relativas ao desprazamento de traballadores e ao acceso ao mercado do transporte, incluíndo medidas para o control das empresas buzón, ou os novos límites da cabotaxenon non entrarán en vigor ata o ano 2022.

NOVIDADES NOS TEMPOS DE CONDUCIÓN E DESCANSO EN VIGOR DESDE 20/08/2020

NOVAS EXCEPCIÓNS AO USO DO TACÓGRAFO

  • Vehículos ou conxuntos de vehículos con MMA non superior a 7,5 Tn utilizados a efectos de:
    • transporte de materiais, equipos ou maquinaria para uso do condutor no exercicio da súa profesión, ou entrega de mercadorías producidas artesanalmente, unicamente nun radio de 100 km desde o centro de operacións da empresa, e a condición de que a condución do vehículo non constitúa a actividade principal do condutor e o transporte non se realice por conta allea.
  • Vehículos con MMA, incluído calquera remolque ou semirremolque, superior a 2,5 Tn pero que non exceda de 3,5 Tn, utilizados para o transporte de mercadorías, cando o transporte non se realice por conta allea senón por conta da empresa ou do condutor e cando a condución do vehículo non constitúa a actividade principal da persoa que conduce o vehículo.

CONDUCIÓN EN EQUIPO.- PAUSA VÁLIDA DE 45 MIN

Un condutor que participe na condución en equipo poderá facer unha pausa de 45 minutos nun vehículo conducido por outro condutor, a condición de que non se dedique a asistir a este último.

FLEXIBILIZACIÓN DO DESCANSO SEMANAL NO TRANSPORTE INTERNACIONAL

No transcurso de 2 semanas consecutivas o condutor terá que tomar alomenos dous períodos de descanso semanal normais, ou un período de descanso semanal normal e un período de descanso semanal reducido de alomenos 24 h.

O período de descanso semanal comezará antes de que teñen concluído 6 períodos consecutivos de 24 h. desde o final do anterior período de descanso semanal.

Non obstante, o condutor que se dedique ao transporte internacional de mercadorías poderá tomar 2 períodos de descanso semanal reducidos consecutivos fóra do Estado membro de establecemento, sempre que, en cada 4 semanas consecutivas, tome como mínimo 4 períodos de descanso semanal, dos cales alomenos 2 deberán ser períodos de descanso semanal normais.

→ A efectos do presente apartado, considerarase que un condutor se dedica ao transporte internacional se inicia os 2 períodos de descanso semanal reducidos consecutivos fóra do Estado membro de establecemento do empresario e fóra do lugar de residencia do condutor.

Calquera redución do período de descanso semanal compensarase cun período de descanso equivalente que deberá ser tomado dunha soa vez antes de que finalice a 3a semana seguinte á semana de que se trate.

Cando se tiveran tomado 2 períodos de descanso semanal reducidos consecutivos ao abeiro das condicións referidas anteriormente para transporte internacional, o período de descanso semanal seguinte irá precedido dun período de descanso tomado como compensación deses 2 períodos de descanso semanal reducidos.

PROHIBICIÓN DO DESCANSO SEMANAL EN CABINA

Non poderán tomarse nun vehículo os períodos de descanso semanal normal nin calquera período de descanso semanal de máis de 45 h. que se tome como compensación de períodos de descanso semanal reducidos previos. Deberán tomarse nun aloxamento apropiado e adaptado para ambos sexos que dispoña de instalacións para durmir e sanitarias axeitadas.

Todos os gastos de aloxamento fóra do vehículo correrán a cargo do empresario.

OBRIGA DE “VOLTA A CASA”

A empresa de transporte organizará o traballo dos condutores de tal xeito que, en cada período de 4 semanas consecutivas, estes poidan regresar ao centro de operacións do empresario no que normalmente ten a súa base o condutor e no que comeza o seu período de descanso semanal, no Estado membro de establecemento do empresario, ou regresar ao lugar de residencia dos
condutores, para gozar alomenos dun período de descanso semanal normal ou dun período de descanso semanal de máis de 45 horas tomado como compensación dun período de descanso semanal reducido.

Non obstante, cando o condutor tivera tomado 2 períodos consecutivos de descanso semanal reducido ao abeiro das condicións referidas anteriormente para transporte internacional, a empresa de transporte organizará o traballo do conductor de tal xeito que este poida regresar antes do inicio do período de descanso semanal normal de máis de 45 h. que tome como compensación.

A empresa documentará o xeito en que dá cumprimento a esta obriga e conservará esta documentación nos seus locais para presentala a solicitude das autoridades de control.

TRANSBORDADOR OU TREN

O período de descanso diario normal ou o período de descanso semanal reducido dun condutor que acompañe un vehículo transportado por transbordador ou tren non se poderá interromper máis de 2 veces para levar a cabo outras actividades que non excedan en total de 1 hora. Durante dito período
de descanso diario normal ou de descanso semanal reducido, o condutor deberá ter acceso a unha cabina para durmir, cama ou liteira que estea á súa disposición.

Con respecto aos períodos de descanso semanal normal, dita excepción só se aplicará ás viaxes en transbordador ou en tren se a duración prevista da viaxe é de alomenos 8 horas, e o conductor ten acceso a unha cabina para durmir no transbordador ou no tren.

Calquera tempo utilizado en viaxar a un lugar para facerse cargo dun vehículo comprendido no ámbito de aplicación do presente Reglamento, ou en volver dese lugar, cando o vehículo non estea nin no domicilio do condutor nin no centro de operacións do empregador en que estea basado normalmente o condutor, non se considerará como descanso ou pausa excepto cando vaia o condutor nun ferry ou
tren e teña acceso a unha cabina para durmir, cama ou liteira.

AMPLIACIÓN DE LÍMITES DE CONDUCIÓN NA VOLTA A CASA PARA INICIAR DESCANSO SEMANAL

Sempre que non se comprometa a seguridade en estrada, en circunstancias excepcionais, o condutor poderá superar o tempo de condución diario (9 horas ou 10 horas non máis de 2 veces por semana) e semanal (56 horas) nun máximo de 1 hora, para chegar ao centro de operacións do empresario ou ao lugar de residencia do condutor co fin de gozar do período de descanso semanal.

Nas mesmas condicións, o condutor poderá superar o tempo de condución diario e semanal nun máximo de 2 horas, sempre que tome unha pausa ininterrompida de 30 minutos inmediatamente antes da condución adicional para chegar ao centro de operacións do empresario ou ao lugar de residencia do condutor co fin de gozar dun período de descanso semanal normal.

O condutor deberá sinalar o motivo da excepción manualmente na folla de rexistro do aparato de control ou nun documento impreso do aparato de control ou no rexistro de servizo, a máis tardar ao chegar a destino ou ao punto de parada adecuado.
Calquera extensión do tempo de condución compensarase cun período de descanso equivalente, que se tomará nunha soa vez xunto con calquera período de descanso, antes de que finalice a 3a semana seguinte á semana de que se trate.

OUTRAS EXCEPCIÓNS NO USO DO TACÓGRAFO

Modifícase a seguinte, engadindo o que se destaca en negriña ao final:

– Vehículos que operen exclusivamente en illas ou rexións ailladas do resto do territorio nacional cunha superficie non superior a 2 300 km2 e que non estean conectadas ao resto do territorio nacional por unha ponte, vado ou túnel aberto aos vehículos de motor, nin linden con ningún outro Estado membro.

Introdúcense novas excepcións:

– Vehículos ou conxuntos de vehículos que transporten maquinaria de construción para unha empresa de construción dentro dun radio de 100 km arredor do centro de operacións da empresa, sempre que a condución dos vehículos non constitúa a actividade principal do condutor.

– Vehículos usados para transportar formigón preamasado.