O acordo asinado polo Goberno e as federacións de transportistas debe ser o punto de inflexión que precisa o sector con desesperación

  • A mellora da rendibilidade das pemes e autónomos transportistas, grazas á minoración do impacto da suba do prezo do gasóleo e das condicións de traballo nos centros de carga e descarga, son os principais logros da negociación que levaron ás federacións á desconvocatoria do Paro prevista para os días 20, 21 e 22 de decembro.
  • O paquete de medidas acordado será aprobado polo Goberno mediante Real Decreto-Lei nun prazo máximo de 60 días, para que a súa entrada en vigor sexa inmediata. Tamén inclúe o mantemento do gasóleo profesional,e a non imposición de novas peaxes.
Prohibición da carga e descarga polos condutores

Estará prohibido que o condutor realice as operacións de carga e descarga das mercadorías tanto na orixe como no destinodo servizo de transporte, excepto en determindas especialidades que, pola súa idiosincrasia, requiren a súa participación (mudanzas, vehículos cisternas, portavehículos, vehículos
grúas, paquetería e pequenos repartos locais). Nestes casos, o transportista recibirá unha remuneración diferenciada á do porte, que deberá vir ademais desglosada na factura.

Establécese unha moratoria de 6 meses para a súa entrada en vigor para permitir que os titulares dos centros de carga e descarga poidan contratar e formar carretilleiros e mozos de almacén.

Así mesmo, establecerase un réxime sancionador para vixiar o seu cumprimento, que requirirá a coordinación previa dos Ministerios de Traballo e Transportes.

Obrigatorio actualizar as tarifas de transporte á variación do prezo do gasóleo

Establecerase a obrigatoriedade, sen posibilidade de pacto en contrario, de actualizar as tarifas de transporte que os transportistas perciben dos seus clientes ás variacións do prezo do gasóleo, o que se aplicará a todos os contratos continuados de transporte, xa sexan escritos como verbais (máis do 80%
da contratación no sector do transporte realízase de xeito verbal).

A tal efecto, na factura deberá figurar de forma desglosada a repercusión no prezo do transporte das citadas variacións no prezo do carburante, aplicando a fórmula prevista na vixente Orde Ministerial FOM/1882/2012, de 1 de agosto, de condicións xerais de contratación no transporte terrestre, isto é:

  • un 30% da porcentaxe de suba do gasóleo para os camións de MMA superior a 20 toneladas,
  • un 20% para camións de máis de 3,5 toneladas pero que non superan as 20 toneladas e para os camións de obras,
  • e un 10% para os camións de ata 3,5 toneladas.

A fin de poder repercutir a forte suba do gasóleo destes últimos meses, o Real Decreto-Lei (RDL) incluirá unha Disposición Transitoria que recollerá a obriga de aplicar a citada fórmula tendo en conta a suba do gasóleo nos últimos meses. Así, no prazo de 6 meses desde a aprobación do RDL, deberanse adaptar os contratos xa existentes que incluíran unha cláusula de revisión de prezos distinta á das
condicións xerais de contratación que recolle a Orde FOM/1882/2012.

Ademais, aqueles contratos de transporte continuado vixentes á entrada en vigor do RDL que non tiveran cláusula de revisión de prezos, incluirán a obriga de actualizar o prezo do transporte tras a entrada en vigor do RDL tendo en conta que o índice de variación do prezo medio do gasóleo a empregar na fórmula de revisión de prezos tomará como referencia os últimos 12 meses.

Tempos de espera nas zonas de carga e descarga

Reducirase por lei a só 1 hora o prazo máximo establecido de espera dos camións nos centros de carga e descarga para que se realicen ditas tarefas, transcorrida a cal o transportista terá dereito a esixir ao seu cliente unha indemnización por paralización.

Ademais, levarase a cabo un estudo sobre a situación actual dos tempos de espera nas zonas de carga e descarga para poder definir o custo destas esperas e establecer cales serían as medidas precisas neste ámbito.

Control de empresas estranxeiras

Incluirase na lexislación laboral española a Directiva europea de condutores desprazados, o que permitirá controlar de forma efectiva a competencia desleal das empresas estranxeiras de transporte que traballan en España (empresas buzón), xa que previamente á realización de calquera servizo de transporte internacional ou de cabotaxe con orixe ou destino España deberán comunicalo previamente por vía telemática e ademais cumprir as condicións salariais existentes nos nosos convenios colectivos.

Peaxes polo uso das estradas

Mantense o mesmo compromiso asumido polo Ministerio de Transportes no ano 2020, no sentido de non impor ningunha peaxe o gravame aos camións sen consenso previo coas asociacións de transportistas.

Mantemento do gasóleo profesional e devolución do céntimo sanitario ilegal

O Goberno comprométese a manter a figura do gasóleo profesional para o sector do transporte por estrada, e estudará a posibilidade de que a devolución que realiza a Axencia Tributaria aos transportistas poda realizarse mensualmente no canto de trimestralmente, como ata agora.

Así mesmo, o Ministerio de Facenda comprométese a acelerar os procedementos administrativos que puidera haber pendentes respecto daqueles expedientes de devolución do céntimo sanitario declarado ilegal no seu día polo Tribunal de Xustiza da UE, xa resoltos por resolución xudicial e pendeentes de executar (en especial os relativos á reclamación por responsabilidade patrimonial do Estado).

Modificación da capacidade de carga dos camións

A finais de 2022 establecerase unha modificación da actual regulación de pesos e dimensións aplicables aos camións, que conlevará unha redución dos trámites necesarios para a autorización de circulación dos actuais megacamións e duotrailes, e o incremento da altura máxima aos 4,5 metros exclusivamente para o transporte de palla, animais vivos e subministracións a industrias en distancias
inferiores a 50 kms.

Con respecto ao aumento da capacidade de carga á 44 toneladas, farase de forma escalonada e previo consenso coas asociacións de transportistas.

Axudas ao abandono (transportistas de idade avanzada) e á formación

Manteranse as axudas anuais aos transportistas de idade avanzada ou en situación de incapacidade durante toda a lexislatura. Así mesmo, continuaranse convocando as axudas á formación e reciclaxe dos profesionais do sector e crearase un grupo de traballo para propor medidas a implantar para tratar
de resolver a problemática da falta de condutores nun prazo de 9 meses.

Axudas á dixitalización e á construción de áreas de aparcamento seguro

Dentro do Plan de Recuperación pola Covid, financiarase a construción de novos aparcamentos seguros para camións, cun investimento total de 20 millóns de euros, así como a conversión progresiva dos actuais aparcamentos invernais en aparcamentos seguros.

Así mesmo, aprobarase unha liña de ata 140 millóns de euros para a dixitalización de empresas de transporte e capacitación dixital dos profesionais do sector.

Melloras para a sostenibilidade económica do sector

Levarase a cabo un estudo para analizar a viabilidade de aplicar no sector do transporte de mercadorías por estrada os principios recollidos na Lei da Cadea Alimentaria (lei no sector agrario que garante os custos mínimos na súa actividade) en relación cos seus custos de produción.

Revisión das cotizacións laborais dos condutores profesionais

O Ministerio de Traballo comprométese a levar a cabo un estudo das actuais cotizacións laborais aplicables aos condutores profesionais de vehículos pesados que soportan na actualidade as empresas transportistas, de cara á súa posible revisión, tomando como base a actual redución das cifras de accidentalidade no exercicio do seu traballo.