Aínda non está claro como afectará o Brexit ao transporte a partir do 1 de xaneiro de 2021

  • A falta de menos de 3 semanas de que o Brexit sexa unha realidade, o Reino Unido elaborou unha Guía de preguntas frecuentes que inclúe información de todos os sectores afectados, entre outros, o transporte por estrada, tendo en conta o grande volume de camións que circulan entre a Unión Europea e o Reino Unido (máis de 4,5 millóns anualmente).
  • Paralelamente, a Comisión Europea promove un Regulamento de medidas de continxencia para o transporte por estrada ante unha previsible falta de acordo co Reino Unido antes de 1 de xaneiro.
Reino Unido pulica unha guía sobre o brexit

1. Controis aduaneiros
No que afecta ao transporte de mercadorías por estrada, a Guía deixa claro que se establecerán controis aduaneiros, o que obrigará a realizar as correspondentes formalidades aduaneiras esixidas a todas as mercadorías que entren no territorio aduaneiro da Unión Europea desde o Reino Unido ou que saian dela cara o Reino Unido. Por isto, a partir de 1 de xaneiro de 2021 todas as empresas da Unión Europea que desexen importar do Reino Unido ou exportar ao Reino Unido deberán dispor dun número de rexistro e identificación de operador económico (EORI), para as súas relacións coas administracións aduaneiras.

Así mesmo, produciranse cambios que afectarán ao cruzamento da fronteira entre Reino Unido e a Unión Europea por parte dos condutores profesionais, que estarán suxeitos ao control dos requisitos de entrada e revisión do pasaporte, entre outros.

2. Permisos de condución e autorizacións de transporte
No que atinxe ao réxime de permisos de condución e autorizacións de transporte necesarias para acceder ao Reino Unido, a Guía establece que ditas materias están pendentes de definir a resultas do que puidera negociarse finalmente, xa sexa porque se chegue a un acordo definitivo nos vindeiros días, ou ben porque a falta del ambas partes negocien un novo réxime transitorio. En todo caso, o Goberno británico recomenda ás empresas de transporte a posibilidad de solicitar unha autorización CEMT en previsión de que a actual licenza comunitaria europea non fora válida. Así literalmente sinala: “A partir de 1 de xaneiro de 2021, é posible que se precise unha autorización CEMT ou outros
permisos adicionais para viaxar á UE ou a través do seu territorio. Deberíanse solicitar ditos permisos para o caso de que resulten precisos”.

Sen dúbida, na nosa opinión a solución proposta polo Goberno británico é inadmisible, xa que a inhabilitación automática da actual licenza europea de transporte, que permite na actualidade realizar ilimitadamente transportes entre España e Gran Bretaña, e a súa substitución pola autorización CEMT, limitaría enormemente o no de vehículos que poderán operar entre ambos países.

Regulamento C.E. de medidas de continxencia para o transporte

Por outra banda, a Comisión Europea iniciou a tramitación con carácter de urxencia dun Regulamento de medidas de continxencia para o transporte por estrada cuxo obxectivo é preservar o normal desenvolvemento dos fluxos comerciais entre a UE e o Reino Unido, para evitar un colapso a partir de 1 de xaneiro. O proxecto de Regulamento establece un novo período transitorio de 6 meses (ata 30 de xuño de 2021) para que poidan continuar circulando os camións, tanto en carga como en baleiro, entre ambos territorios cos permisos e autorizacións actuais, pero condicionado a que o Reino Unido aprobe unha regulación semellante.

Sen embargo, esta regulación só entraría en vigor se o Reino Unido establecera unha regulación semellante para garantir un tratamento idéntico aos transportistas tanto británicos como da Unión Europea.

Posicionamentos distantes a poucos días do Brexit definitivo

A moi poucos días para rematar 2020, como é obvio, os posicionamentos entre Reino Unido e a UE seguen moi distantes e esta situación non fai máis que xerar incerteza ás empresas transportistas que operan co Reino Unido, que asisten con indignación a unha negociación política “agónica” que non fai máis que prexudicar á súa actividade económica diaria, agravados pola actual situación derivada da pandemia.

A medida que se vaian coñecendo máis novidades, informarase de como finalmente o Brexit afectará ao transporte a partir de 1 de xaneiro de 2021.