Apetamcor apoia á Baixa Limia para que a autovía AG-31 chegue ata Lobios
Unha campaña en Change.org conseguiu preto de 2.400 firmas para que a Xunta de Galicia, titular da OU-540, valore a importancia que tería a continuación da AG-31 (autovía de Celanova) ata a fronteira da Madalena en Lobios.
O promotor da iniciativa, Pablo Álvarez, traslada que se trata da formalización dun clamor que, nos últimos tres meses, sumou o apoio de 50 colectivos que representan a unha gran parte da masa empresarial da provincia, ademais de veciños e asociacións comarcais, así como corporacións locais e provinciais.
En menos de tres meses, a iniciativa cidadá rexistrou case 2.400 firmas na plataforma Change.org e acadou o apoio de importantes colectivos empresariais, aos que se suma a asociación de transportistas Apetamcor
A iniciativa cidadá para reivindicar a continuación da autovía AG-31 Ourense-Celanova ata a fronteira portuguesa da Madalena, en Lobios, xa rexistrou a petición formal ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Na listaxe entregada á Xunta figura o apoio de importantes colectivos empresariais, así coma o apoio implícito á petición do Foro Liceo, integrado polo Liceo de Ourense ou o Colexio de Arquitectos de Galicia, a Deputación de Ourense e as Corporacións de Ourense, Celanova, Lobeira, Lobios, Bande, Entrimo e Verea. Constan tamén unha corentena de colectivos sociais, veciñais, culturais, empresariais e deportivos das comarcas da Baixa Limia e Celanova que levan máis dunha década reivindicando a mellora deste eixo transfronteirizo.
Apetamcor, en representación dos máis de 1300 socios do sector do transporte profesional de mercadorías por estrada, apoia esta iniciativa que suporá unha mellora sustancial no eixo transfronteirizo Ponte da Barca-Celanova-Ourense. Agardamos que o acordo entre os gobernos centrais dous dous países sexa frutífero e se poida dar inicio aos trámites para levar a cabo as obras de prolongación da AG-31 e unila coa A-27 portuguesa.
As últimas manifestacións do departamento que preside Ethel Vázquez reiteraban que “a prolongación da autovía só ten sentido no marco dun acordo internacional entre España e Portugal, no que ambos países aposten por esta conexión transfronteiriza”, á vez que poñían o acento nos 10,3 millóns de euros que investirá a Consellería de Infraestruturas na mellora da actual OU-540 desde Celanova ata a fronteira, así como os proxectos independentes das variantes de Verea e Bande. Unha mellora da que din, será compatible co desenvolvemento futuro da prolongación da autovía AG-31.