Apetamcor defende a prosposta dunhas bonificacións mínimas do 55% nas peaxes da AP-9 para o transporte pesado

  • Apetamcor mantivo unha reunión coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reivindicar unha bonificación mínima das peaxes da autoestrada AP-9 do 55%, que supoña unha solución á desvantaxe competitiva que soporta o sector con respecto ao resto da península.
  • Ademais, insistiuse na necesidade de non condicionar ditas bonificacións para o transporte pesado á realización dun nº mínimo de viaxes ao mes, nin ida e volta na mesma xornada, xa que o transporte público de mercadorías non debe ter a mesma consideración que os desprazamentos realizados con vehículos de uso particular.

O pasado mércores 9 de xuño, Apetamcor mantivo unha reunión ca Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, para trasladar a preocupación do sector do transporte de mercadorías por estrada na xestión das bonficacións das peaxes da AP-9, na que tamén participaron representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia e outras federacións de transportistas.

Como é sabido, a autoestrada AP-9 é a arteria principal que vertebra Galicia de norte a sur. Malia ao seu papel estratéxico como princial arteria vertebradora do territorio, os galegos/as temos que soportar que sexa unha vía coas peaxes máis caras do Estado en custo por quilómetro, sen ningún tipo de desconto ou bonificación para os/as profesionais do transporte pesado. Este feito ten como derivada que moitos/as transportistas decidan evitar circular, na medida do posible, pola AP9, desviándose en consecuencia a estradas convencionais notablemente máis perigosas, xa que para a seguridade viaria ten un efecto moi negativo que os vehículos pesados atravesen núcleos poboacionais.

Nestes días, ante o anuncio do Goberno central da apertura dunha negociación coa concesionaria Audasa para a posta en marcha con carácter inminente dunhas bonificacións nas tarifas da AP-9, que iniciamente se ían iniciar no segundo semestre deste ano (principios de xullo) pero a estas alturas xa semella practicamente imposible, e despois de ollar diversas informacións nos medios que nos alertaban de que a proposta coa que traballa o Goberno é de incluír uns ínfimos descontos para o transporte pesado, as principais federacións de transportistas de Galicia e mais o Clúster da Función Loxística puxémonos de acordo en abrir unha serie de contactos coas autoridades políticas co fin de esixir que se acabe coa discriminación histórica do noso sector e por tanto non podemos aceptar nada que non sexa cando menos o seguinte:

  1. As bonificacións para os vehículos pesados sexan de alomenos o 55% do importe da peaxe.
  2. Non limitar as bonificacións aos vehículos pesados a viaxes recorrentes, é dicir que ditas bonificacións non estean condicionadas á realización dun número mínimo de viaxes ao mes, ou ida e volta na mesma xornada, xa que o transporte público de mercadorías non debe ter a mesma consideración que os desprazamentos realizados con vehículos de uso particular.

E o primeiro encontro coas autoridades políticas produciuse o pasado mércores día 9 de xuño para trasladarlle á Conselleira precisamente esta proposta, solicitar o seu apoio e coñecer de primeira man as actuacións da Xunta de Galicia neste asunto, que se ben non é da súa competencia directa, si ten moito que dicir e discutir cos responsables do Ministerio de Transportes. A resposta da Conselleira foi que teñen un compromiso do Ministerio, compromiso que data da recente visita do Ministro José Luís Ábalos a Galicia na que se entrevistou co Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, de que os descontos ían estar en marcha no segundo semestre do ano e que terían informada á Xunta das negociacións coa Audasa. Así e todo, carecen de información do estado das negociacións que na actualidade se están a dar entre o Ministerio e Audasa, nin sequera son coñecedores do borrador de bonificacións que o Ministerio trasladou nestes días a Audasa.

Por último, o Clúster da Función Loxística de Galicia, Apetamcor e as restantes asociacións de transportistas solicitamos formalmente tamén unha reunión co Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, de quen agardamos información clara da idea de descontos ou bonificacións para a AP-9 coa que traballa o Goberno, esperando que dita reunión poida ter lugar nos vindeiros días.

Foto: @EthelVazquez_m