APETAMCOR participará no foro «O LIDERADO DAS MULLERES NO RURAL GALEGO» organizado por MULLERES DE SEU

O venres 15 de outubro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller no Rural, celebrarase no Pazo da Peregrina sito en Bertamiráns (Ames) o I Foro «O liderado das mulleres no rural galego» organizado por de «Mulleres de Seu», grupo para o empoderamento feminino impulsado por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).

Mulleres de Seu pretende que este foro ofreza unha perspectiva real e actual do territorio, afastada de estereotipos e visións idealizadas da vida no rural. Así o destacou na presentación do evento, Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu: «Este tipo de plataformas son importantes para concienciar sobre la necesidade de lograr una igualdade efectiva e real que de resposta ás necesidades e particularidades das mulleres que vivimos e traballamos na Galicia rural». A presentación deste Foro tivo lugar onte na Casa do Concello de Ames, e contou coa presenza do Alcalde, Blas García, xunto con outras autoridades locais.

No transcurso do foro está previsto a realización dunha mesa de reflexión e debate, na que tomará parte Silvia Chaves, membro da Xunta Directiva de Apetamcor, e unha exposición aberta a todos os públicos e protagonizada por distintas iniciativas empresariais e diversos proxectos promovidos por mulleres e asociacións de mulleres.

A xornada contará tamén coa presenza de Mª Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, e nela tamén colaborarán entidades como AGACA, a Rede Eusumo e a Asociación de Empresarios de Ames XEA.