Apetamcor reúnese coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para solicitar o apoio da Xunta ao sector neste momento crítico ante a descontrolada suba do prezo do carburante

  • A suba dos custos de explotación das empresas transportistas nos últimos meses (fundamentalmente o carburante nun 35%), a non repercusión desta suba nos prezos do transporte, a escaseza de condutores profesionais, e a situación dramática dos transportistas de portavehículos, foron os temas que centraron a reunión.
  • A Conselleira manifestou compartir a súa preocupación polo sector na situación actual, mostrándose moi receptiva das propostas formuladas por Apetamcor e comprometeu o apoio da Xunta para artellar iniciativas e medidas que poida axudar a revertir a situación.

Apetamcor reuniuse este luns 18 de outubro coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, e o resto do seu equipo nas dependencias da Consellería en San Caetano.

Nesta reunión, trasladouse á Conselleira a situación crítica do sector, logo de soportar xa moitos meses de suba incontrolada dos custos de explotación das empresas transportistas (fundamentalmente derivada do incremento do 35% no prezo do gasóleo no último ano) que está levando a moitas destas xa a teren que traballar a perdas e por tanto, á súa descapitalización e ruína. Neste sentido, advertiuse que obviamente esta situación non é soportable no tempo moitos meses máis e, de continuar así, pódese desembocar nun escenario onde non sexa posible garantir o aprovisionamento e o abastecemento da poboación, agora que comezan as campañas de Nadal.

Chégase a esta situación porque certamente ata agora unha ampla maioría das empresas cargadoras contratantes dos servizos de transporte son moi reticentes ou directamente refractarias a aceptar unha necesaria actualización de prezos que compense esta suba dos custos do transporte, malia que a existencia de normas legais sectoriais que dan dereito aos transportistas a unha actualización de prezos como consecuencia dunha suba no prezo do carburante. En concreto, non se está a cumprir co artigo 38 da Lei 15/2009, de 11 de novembro, do contrato de transporte terrestre de mercadorías, relativo á revisión do prezo do transporte por estrada en función da variación do prezo do gasóleo, nin a Orde Ministerial que o desenvolve (punto 3.4 do Anexo da O.M. FOM/1882/2012, de 1 de agosto).

A reunión tamén permitiu aos responsables de Apetamcor expoñer outros problemas de actualidade do sector de grande relevancia como a necesidade de revertir a escaseza de condutores/as profesionais, a dramática situación que viven os transportistas de portavehículos (transportistas que se dedican a transportar vehículos que en Galicia poden alcanzar unha frota de perto de 500 vehículos) directamente afectados pola convulsa situación que está a vivir o sector da automoción, e os problemas aínda non resoltos derivados da case inexistencia en Galicia de áreas de descanso para os profesionais do sector e aparcadoiros acondicionados para vehículos pesados.

Medidas para axudar a reverter a situación

A Conselleira mostrouse tamén moi preocupada pola crítica situación dun sector tan estratéxico como o noso e mostrouse moi receptiva a, no marco das súas competencias, artellar as iniciativas e medidas que poida axudar a reverter a situación. En concreto, comprometeuse a:

  • Axudar a concienciar publicamente da necesidade de afortalar o tecido empresarial do transporte de mercadorías por estrada, para a boa saúde da economía e o benestar da sociedade en xeral, sendo iso só posible se as empresas transportistas poden repercutir nos prezos dos servizos que prestan os elevados sobrecustos que están a sopostar nos últimos meses, fundamentalmente derivados da escalada do prezo do gasóleo.
  • Procurar coa Consellería de Economía e Industria (IGAPE) a viabilidade de novas liñas de apoio específico para as empresas de transporte máis afectadas pola situación actual, principalmente o sector dos portavehículos, en situación especialmente crítica pola convulsos momentos que está a vivir o sector da automoción.
  • Explorar cos demais departamentos ou consellerías da Xunta implicadas a posibilidade de impulsar liñas de apoio para a incorporación de novos mozos e mozas ao sector, para así axudar a paliar a escaseza de condutores/as profesionais cualificados.
  • Apoiar as iniciativas viables para dotar de áreas de servizo e descanso para os condutores e aparcadoiros seguros para os vehículos pesados, para o cal xa a Xunta solicitou destinar unha partida específica dentro dos Fondos Europeos de Reconstrución Next Generation.
  • Seguir apoiando a formación continua dos profesionais do sector.
  • Por último, comprometeuse a manter unha comunicación fluída co sector co fin de avanzar nestes obxectivos.