Apetamcor solicita que se reconsidere a decisión de bonificar só o 20% das peaxes da AP-9 ao transporte pesado

  • Despois de que o Ministerio de Transportes fixese pública a nova de que a bonificación da que se van beneficiar os vehículos pesados nos vindeiros meses vai ser de tan só un 20%, Apetamcor, xunto coas demais federacións que compoñen a sección de mercadorías do Comité Galego de Transporte e mais o Clúster da Función do Loxística de Galicia, manifestan a súa insatisfacción por considerala insuficiente e reiteran a proposta dunha bonificación mínima das peaxes do 55%, lamentado que o Goberno non consultara nin tampouco se fixese eco desta proposta antes de facer público o seu anuncio.
Aforro económico insuficiente

Se ata agora o importe da peaxe na autoestrada AP-9 era extremadamente elevado para os vehículos pesados (0,25€/km de media), a redución do 20% supón que sigamos a ter que soportar uns importes moi elevados (0,20 €/km de media). Por tanto, a AP-9 seguirá estando no selecto clube das autoestradas de peaxe máis caras do Estado e, en consecuencia, o aforro económico para os/as transportistas que se ven na obriga de usar con asiduidade a autoestrada será moi pequeno. En calquera caso, este aforro é insuficiente para minimamente aliviar a maltreita economía do sector do transporte en Galicia, caracterizado por manterse a frote cunhas marxes comerciais case inexistentes.

Insuficiente para atraer máis tráfico pesado

Ademais de ser insuficiente para os/as transportistas que en maior medida circulan pola AP-9, tamén é insuficiente no obxectivo de atraer máis tráfico pesado á autoestrada en detrimento das estradas convencionais alternativas. Xa se realizou en Galicia unha experiencia piloto en 2015 cun desconto do 35% entre Puxeiros e Tui, e daquela só se conseguiu incrementar un 7% o tránsito de camións por ese treito da AP-9.

Así pois, a bonificación debería ser de alomenos o 55%, pois só a partir desta intensidade sería un balón de osíxeno para os/as transportistas que máis a padecen no día a día e ao mesmo tempo ter o suficiente atractivo para captar fluxos de camións, reducíndose por tanto os efectos negativos en materia de seguridade viaria derivados do importante volume de vehículos pesados que circulan polas estradas convencionais alternativas de Galicia.

Non se repara a discriminación histórica do sector

Con esta decisión non se repara a histórica dobre discriminación que padece o sector do transporte e a loxística Galicia derivada das peaxes. Por unha banda, en relación aos vehículos particulares turismos (que tal como se anuncia van gozar dunhas maiores bonificacións) e, por outra, comparando coa situación doutros territorios onde se decidiron descontos maiores ou mesmo autoestradas de peaxe que finalizaron a súa concesión pasaron a ser gratuítas. Hoxe, o 30% dos quilómetros das autoestradas de peaxe do Estado concéntranse en Galicia, o cal resulta unha lousa moi grande, xa non só para o sector do transporte, senón tamén para a competitividade da economía galega en xeral.

Foto: audasa.es

np-210618