Apetamcor trasladou ao Delegado de Goberno a insuficiencia das bonificacións anunciadas para o transporte pesado na AP-9
- Apetamcor, xunto coas demais federacións que compoñen a sección de mercadorías do Comité Galego de Transporte e mais o Clúster da Función do Loxística de Galicia, mantivo o pasado venres día 9 de xullo unha reunión co Delegado do Goberno en Galicia para abordar a situación das peaxes na comunidade. Nesta reunión, analizouse o anuncio do Ministerio de Transportes da bonificación do 20% que o transporte pesado recibirá no seu paso pola Autoestrada do Atlántico.
En primeiro lugar, nesta reunión lembrouse o escaso impacto que tiveron no ano 2015 as bonificacións do 35% nunha parte da autoestrada, motivo polo cal tan só estiveron en funcionamento cinco meses. Ademais, na mesma liña, fíxose entrega dun estudo no que se concluía que, para ter impacto na atracción do tráfico, as bonificacións deberían ser do 55% en determinados tramos, nos que sería xustificable unha subvención superior por cuestións de seguridade viaria.
Situación das peaxes
Por outra banda, tamén se fixo fincapé no problema que supoñen as peaxes para a competitividade das empresas galegas, xa que existe unha situación de desigualdade ao longo do territorio español. O mes que ven, coa finalización da concesión e conseguinte levantamento das peaxes na AP-7 e AP-2, Zaragoza-Mediterráneo, un tercio dos quilómetros de peaxes estatais situaranse en Galicia. Unha porcentaxe que ascende ata o 44% se analizamos os quilómetros da peaxe estatais soportados polo nordés de España. Esta é unha situación moi perxudicial para as nosas economías, que ven como os produtos producidos son menos competitivos por ter uns custos de desprazamento un 50% máis altos que os dos resto do Estado, como consecuencia das peaxes.
Ademais, convén lembrar que as autoestradas galegas son das poucas en España que non contan con ningún tipo de bonificación para o transporte pesado a día de hoxe, mentres que noutras como a AP-68 na Rioxa contan cunha bonificación do 50%.
Peaxes ás autovías
Na mesma reunión, insistiuse na necesidade de que, no caso de implantarse un sistema de cobro polo uso das autovías, este non perxudique aos territorios periféricos. Neste sentido, recordouse que a mesma normativa europea que acepta e aconsella o cobro das peaxes polo uso das estradas, insiste na necesidade de que os territorios periféricos teñan unha consideración especial para non perxudicar o seu desenvolvemento económico. Así o recolle a Directiva 2011/76/UE, cando fala de «mellorar o acceso ás rexións periféricas» e a súa competitividade.