Aprobado o Decreto-Lei que permite alongar o período de vixencia e carencia dos préstamos ICO COVID

  • A ampliación dos prazos non se aplica automaticamente polas entidades financeiras, senón que deberá solicitalo o titular do préstamo sempre que non se estea en situación de morosidade.
  • O período de vencemento dos préstamos poderase ampliar ata os 8 anos e, así mesmo, o de carencia 1 ano máis.
  • Ademais, amplíase o prazo ata o próximo 30 de xuño para solicitar novos préstamos ICO.
O Goberno aproba flexibilizar o pagamento dos créditos ICO COVID

O 19 de novembro entrou en vigor o Decreto-Lei 34/2020, de medidas urxentes de apoio á solvencia empresarial aprobado polo Goberno, co obxectivo de mellorar a liquidez dos autónomos/as e as empresas na actual situación económica provocada pola crise sanitaria.

Así, como medida principal no ámbito económico, o Decreto-Lei prevé a posibilidade de alongar o pagamento dos préstamos concedidos estes meses atrás polas entidades financeiras ao abeiro da liña de Avais ICO COVID-19, dotada cun total de 100.000 millóns de euros, e á que se calcula que xa se acolleron ata agora arredor de 17.000 autónomos/as e empresas do sector do transporte e a loxística.

En que condicións se poderá ampliar a carencia e o vencemento?

A ampliación dos prazos non a aplican automaticamente as entidades financeiras, senón que debe solicitalo o titular do préstamo, condicionado a que non estea en situación de mora, nin figure no CIRBE ou en situación concursal.
Permitirase ampliar:
– o período de carencia 12 meses adicionais ata un total de 2 anos;
– e o período de vencemento ata 8 anos, fronte aos 5 anos que se estableceu inicialmente.

Prazo para novos préstamos ICO COVID

Así mesmo, amplíase o prazo previsto para solicitar novos préstamos ao abeiro da liña ICO Covid ata o próximo 30 de xuño de 2021, como consecuencia da situación económica motivada polo novo estado de alarma e as medidas restritivas da actividade económica, que fai preciso estender a cobertura de dita liña para atender as posibles necesidades de liquidez dos autónomos/as e empresas nos vindeiros meses.