As federacións de transportistas reafírmanse no Paro do Transporte do 20 ao 22 de decembro
- Non insatisfactorio, senón indignante, é a valoración das federacións de transportistas ao documento de medidas para o sector elaborado polo Ministerio de Transportes. Así se lle trasladou onte aos responsables do Ministerio, adventindo así mesmo que:
- Unhas propostas tan pouco serias poderían desencadear nun Paro de maior duración aos 3 días inicialmente previstos.
- As dúas principais reivindicacións do sector seguen a ser: en primeiro lugar, esiximos dignidade para o sector, de xeito que se poña fin aos abusos nas cargas e descargas, paralizacións, etc., e en segundo, podermos repercutir a suba dos custos aos nosos clientes, evitando termos que traballar a perdas.
- Apetamcor organiza o seguinte calendario de Asembleas Informativas nas súas sedes:
- Sábado 11-D:
- Polígono San Cibrao das Viñas (Ourense) ás 11:30h.
- Polígono As Gándaras (Lugo) ás 16:00 h.
- Polígono do Tambre (Santiago) ás 19:30h.
- Domingo 12-D: Polígono A Granxa (O Porriño) ás 12:00h.
- Sábado 11-D:
O Goberno presentou un documento de medidas ofensivo para o sector
Logo da convocatoria de Paro xeral do transporte para os días 20, 21 e 22 de decembro anunciada o pasado 10 de novembro por total unanimidade polas organizacións que compoñen o Comité Nacional de Transporte por Carretera (CNTC), entre as que loxicamente está a nosa federación Fenadismer, o pasado día 30 de novembro o Ministerio de Transportes presentou ao CNTC un primeiro documento de traballo para acordar unhas medidas que en todo caso puideran contar co apoio das organizacións do sector e deste xeito poñer fin a esta mobilización.
Pero lonxe de ser minimamente satisfactorias, o certo é que ese documento de medidas causou grande malestar en todas as federacións de transportistas, constatándose unha falta de vontade real do Goberno por atender as lexítimas reivindicacións do sector, e mostrándose unha vez máis estar máis preocupado en atender as demandas dos cargadores cas dos/as transportistas. Como exemplo ilustrativo disto, abonda con dicir que o Ministerio só aceptaría implantar en España medidas que avanzasen en limitar as operacións de carga en descarga dos condutores/as se os/as transportistas aceptasen como contrapartida o aumento da tonelaxe ata as 44 toneladas de modo xeral. Simplemente, bochornoso.
Polo que respecta ás demais reivindicacións feitas ao Ministerio polas federacións de transportistas, ningunha concreción, simplemente declaracións de intencións sen contido real.
As organizacións do sector comunícanlle o Ministerio que o Paro segue en pé
Neste contexto, o xoves día 2 de decembro reunironse no Ministerio de Transportes os altos representantes do Ministerio, encabezados pola Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, cos representantes das principais federacións de transportistas que integran o CNTC. Foi unha reunión breve na que, logo dunha breve exposición do documento elaborado polo Ministerio, os representantes do sector deixaron totalmente claro que as medidas propostas polo Goberno non son só insatisfactorias, senón indignantes, e que de non atender as principais reivindicacións das federacións, estudarase inclusive a posibilidade dun Paro xeral do transporte máis longo no tempo que os tres días inicialmente previstos (20, 21 e 22 de decembro).
Así mesmo, os representantes das federacións reiteraron ao Ministerio as dúas principais demandas:
1ª) DIGNIDADE
Póñase fin aos abusos que seguen padecendo os/as transportistas prohibíndose de modo xeral que o condutor/a teña que realizar as operacións de carga e descarga, cunha norma que poida ser similar á que está en vigor en Portugal desde o pasado mes de setembro. Loxicamente, esta norma debe ir acompañada de medidas que garantan reducir os tempos de espera, o pagamento das paralizacións, a dotación de infraestruturas acondicionadas para condutores/as e tamén para os vehículos, áreas de parada e descanso, etc.
2ª) RENDIBILIDADE
Póñase fin ao problema estrutural de afogamento económico do sector nos períodos en que os custos se disparan (fundamentalmente, aínda que non só, pola alza no prezo do carburante) por non termos poder negociador real para actualizar automaticamente as tarifas aos clientes. Para isto seguimos considerando necesario a prohibición de traballar a perdas, por debaixo dun custo mínimo de explotación, de modo que se sancione a quen non o respecte.
En tanto en canto esta modificación legal ten unha difícil e longa no tempo tramitación nas Cortes, esiximos que de inmediato se modifique a Orde das condicións xerais de contratación do transporte no que respecta á actualización do prezo do transporte en función da variación do gasóleo, xa que a norma de actualización do prezo, tal como está, na maioría dos casos non se aplica porque o cargador non quere ou ben se aplica mal ou tarde en detrimento do/a transportista. No seu lugar, propomos que se reflexe obrigatoriamente na factura, en concepto separado do transporte, a indexación do gasóleo.
Apetamcor organiza Asembleas Informativas nas súas sedes a vindeira semana
Co obxecto de ofrecer de modo directo aos nosos asociados/as toda a información sobre este proceso e analizar a propia convocatoria de Paro xeral do transporte en España para os días 20, 21 e 22 de decembro feita pola totalidade de organizacións de transportistas que compoñen o Comité Nacional de Transporte por Carretera (FENADISMER, CETM, ASTIC, FETRANSA, FITRANS, FVET, ATFRIE), desde Apetamcor organizamos para a vindeira semana Asembleas Informativas nas nosas sedes:
- Sábado 11-D:
- Ás 11:30 horas, no Polígono San Cibrao das Viñas (Ourense).
- Ás 16:00 horas, no Polígono As Gándaras (Lugo).
- Ás 19:30 horas, no Polígono do Tambre (Santiago).
- Domingo 12-D: Ás 12:00 horas, no Polígono A Granxa (O Porriño).