• A Xunta de Galicia obriga aos condutores profesionais que operan en Galicia (sexan galegos ou non) a comunicar telemática ou telefonicamente á Consellería de Sanidade os territorios de maior incidencia de Covid-19 nos que estiveron.
  • Sanidade habilitou un formulario de rexistro en https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros
  • A diferenza do resto de visitantes que veñan a Galicia, Sanidade considera que no caso dos condutores profesionais (galegos ou non), que entran e saen continuadamente de Galicia, abonda cunha única comunicación indicando todos os territorios de maior incidencia de Covid-19 nos que estiveron ou habitualmente están e entran en contacto con persoas dese territorio.

REXISTRO OBRIGATORIO NA CONSELLERÍA DE SANIDADE

A Xunta de Galicia publicou no DOG de 28 de xullo unha Orde pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria da Covid-19 en relación coa chegada a Galicia de persoas procedentes doutros territorios, cuxa entrada en vigor foi onte 29 de xullo.

No caso das persoas non residentes en Galicia que se desprazan a Galicia, esta comunicación ten máis funcionalidade porque desde a Consellería de Sanidade lle comunicarán as pautas a seguir do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en caso de teren síntomas da Covid-19.

Entre outras cuestións, a Orde establece no seu artigo 4 que as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia (CAG) despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á
dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na CAG ou respecto dos cales non se dispoña de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica
existente neles, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á CAG, as ditas persoas deberán comunicar os datos de contacto e de estadía na CAG a que se recollen no anexo da Orde. A obriga é aplicable tanto ás persoas residentes no territorio da CAG como ás non residentes no dito territorio e deberá cumprirse independentemente da presenza ou non de síntomas compatibles co COVID-19.

Ademais, no artigo 5 tamén se recolle que as empresas que desenvolvan a súa actividade na CAG deberán informar da dita obriga os seus traballadores que cheguen á CAG despois de ter estado, por motivos laborais, dentro do período de catorce días naturais previo á súa chegada, neses territorios.

Paralelamente, no DOG dese 28 de xullo tamén se publicaba unha Resolución da Consellería de Sanidade coa relación de territorios e países cunha incidencia acumulada (IA) de casos de COVID-19 por 100.000
habitantes nos últimos 14 días 3,5 veces superior á da CAG, de acordo cos datos do Informe do 23 de xullo de 2020, do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade e coa información sobre países do mundo do 26 de xullo de 2020 do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC), establecendo que son as persoas procedentes destes os que deberán facer o rexistro. A relación é a seguinte:

  • No Estado español, nas CC.AA. de Aragón, Catalunya, Navarra, Euskadi e La Rioja.
  • Nos países europeos: Albania, Andorra, Armenia, Austria, Acerbaixán, Belarús, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Mónaco, Montenegro, Macedonia do Norte, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Suecia e Ucraína.
  • Calquera país do continente africano.
  • No continente americano: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, México, Montserrat, Panamá,
    Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, St Martin, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.
  • No continente asiático: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kyrguistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia e Vietnam.

Obviamente, no caso concreto do transporte por estrada de mercadorías, a maior casuística será Aragón, Catalunya, Navarra, Euskadi, La Rioja, Portugal e logo a continuación o resto de países europeos afectados.

CASO ESPECÍFICO DOS CONDUTORES QUE ENTRAN E SAEN DE GALICIA

Despois de manifestarmos tanto a Sanidade como a Mobilidade a nosa disconformidade absoluta con esta Orde, advertindo que no noso sector era practicamente inaplicable, no día de hoxe celebrouse unha reunión entre os representantes da Consellería de Sanidade e a Consellería de Mobilidade coas federacións galegas de transportistas, na que estiveron presentes o Conselleiro de Sanidade, a Conselleria de Infraestruturas e Mobilidade, o Director Xeral do Sergas e o Director Xeral de Mobilidade, co obxectivo de analizar o impacto desta Orde no noso sector e como axustala para facela viable ou efectiva.

Os representantes das asociacións de transportistas manifestamos unanimemente que a norma tal como está redactada é inaplicable para o noso colectivo, dado que os nosos condutores están entrando e saíndo de territorios con alta incidencia de Covid-19 e por tanto en moitos casos nos obrigaría a facer varias comunicacións por semana.

Neste contexto, a Consellería de Sanidade aceptou que no caso específico dos condutores profesionais (galegos ou non) só se teña que facer unha única comunicación, rexistrando a relación de territorios de alta incidencia de Covid-19 nos que ese condutor para e entra en contacto con persoas dese territorio, non tendo que indicar tampouco as datas de entrada e saída de Galicia.

PROCEDEMENTO DE REXISTRO: TELEMÁTICO OU ELECTRÓNICO

A efectos de dar cumprir con esta obriga, a Consellería de Sanidade habilitou un formulario dispoñible no portal https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros onde se deben indicar os seguintes datos:

  • Datos persoais da persoa que se despraza: Nome e apelidos, NIF/NIE/No pasaporte.
  • Datos de contacto da persoa que se despraza: teléfono e correo electrónico.
  • Territorio/s de procedencia.
  • Datas de chegada e saída de Galicia (non necesario no caso dos condutores, xa que realizan desprazamentos continuados).
  • Datos do lugar de estadía en Galicia (só para non residentes en Galicia).

Alternativamente, tamén é posible facer o rexistro no tlf. 881002021, se ben o recomendable é o rexistro telemático para así poder acreditar máis facilmente que se cumpriu coa comunicación.