Sanidade confirma que os condutores estarán exentos de facer a proba PCR ao viaxar en ferry acompañando ao camión

  • Sanidade aproba unha norma que obriga a partir de 23 de novembro a todos os pasaxeiros que pretendan acceder a España por vía marítima ou aérea procedente dun país de risco a xustificar que se realizou unha PCR nas últimas 72 horas.
  • Non obstante, confirma que non será de aplicación aos condutores/as que viaxen en transporte marítimo combinado (Short Sea Shipping) acompañando ao camión.
Controis sanitarios para entrar en España por mar ou aire

O luns 23 de novembro entrou en vigor a Resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública de 11 de novembro de 2020 (publicada no BOE de 12/11/2020), pola que se establece que se realizarán novos controis sanitarios nos diferentes puntos de entrada de España por vía marítima ou aérea.

En concreto, a norma establece que toda persoa procedente dun país ou zona de risco dos enumerados no anexo II de dita Resolución (que inclúe á práctica totalidade dos países europeos, africanos e doutros continentes) e que pretenda entrar en España deberá dispor dunha Proba Diagnóstica de Infección Activa para a COVID-19, mediante unha proba PCR, con resultado negativo, realizada dentro das setenta e dúas horas previas á chegada a España.

Os controis non se esixirán aos condutores profesionais

Ante a falta de concreción en dita Resolución sobre que persoas están na obriga de cumprir dito trámite, a nosa federación FENADISMER solicitou a Sanidade un esclarecemento sobre o alcance da mesma pola confusión e incertidume que estaba a xerar no sector do transporte internacional por estrada que habitualmente utiliza os ferrys nos seus desprazamentos, é dicir, se esa regulación era de aplicación tamén aos condutores/as profesionais que viaxan en ferry para desprazárense a outros países (na actualidade hai milleiros de fluxos de vehículos transporte por estrada que regularmente se realizan en parte por vía marítima con países afectados como Marrocos, Arxelia, Italia, Irlanda ou Reino Unido entre outros, desde portos como Alxeciras, Barcelona, Almería, Alicante, Valencia, Bilbao ou Santander).

En resposta a FENADISMER, o Ministerio de Sanidade acaba de manifestar, a través da Subdirección Xeral de Sanidade Exterior, que a Resolución vai dirixida aos pasaxeiros e por tanto non afecta nin ás tripulacións nin tampouco aos condutores/as de camión que veñan nos Ro-Ro, isto é, non afecta aos condutores/as profesionais que viaxan en transporte marítimo combinado, en réxime de Short Sea Shipping, acompañando ao vehículo.