O embargo das dietas por Facenda e a Seguridade Social agrava a escaseza de condutores

A escaseza de condutores profesionais que sofre o sector do transporte por estrada, cifrada en máis de 2.000 choferes en Galicia e en 15.000 en España, afronta outro reto máis vinculado ao abandono do volante por parte dun bo número de profesionais: o embargo das dietas por Facenda e Seguridade Social.  

As asociacións de transportistas esixen ás Administracións Públicas medidas  urxentes que consigan reverter esta tendencia de escaseza crecente a curto prazo, evitando así riscos inminentes no desenvolvemento da cadea produtiva e na suministración de bens e produtos a nivel industrial e social.

Que supón o embargo das dietas para un condutor profesional?

Nos últimos anos Facenda e a Seguridade Social establecen normativas que obrigan ás empresas transportistas a practicar embargos do 100% do que os seus condutores asalariados perciben en concepto de dietas.

As dietas son un gasto realizado do desempeño da actividade profesional dos condutores, polo que ao ser de obrigado cumprimento que a empresa transportista aplique a retención íntegra destes conceptos, resulta un elemento desmotivador para seguir exercendo a súa profesión.

En caso de que a empresa transportista non aplique os embargos correspondentes das dietas nos seus asalariados, converteráse ela en debedora, sendo considerada responsable solidaria do abono da débeda conforme ao artigo 42.2 da Lei 58/2003 Xeral Tributaria

Máis de 15000 ofertas de emprego vacantes por falta de candidatos

Ao ter que pagar cos seus propios recursos os gastos procedentes da súa actividade laboral, os condutores non atopan viabilidade económica na profesión nin a ven atractiva, véndose en moitos casos obrigados a abandonar os seus postos de traballo.

Diferentes estudos realizados sobre a situación do emprego no noso país, sitúan a porcentaxe de empresas do sector do transporte con dificultades para cubrir os seus postos en máis do 20%, estimándose en máis de 15.000 as ofertas de emprego que quedarían vacantes pola falta de candidatos dispoñibles. Só en Galicia, onde actualmente hai máis de 30.000 camioneiros en activo, estímase que serían precisos ao redor de 2.000 profesionais máis para cubrir as necesidades do sector. Sinalando, ademais, que esta problemática se acentuará na próxima década dada a idade media dos profesionais actualmente. 

O Ministerio da Seguridade Social sinalou recentemente que “as dietas constitúen dereitos de crédito que ostenta o traballador fronte ó empresario, ás que procede a dilixencia de embargo de créditos e dereitos, sen que lles resulten de aplicación os límites de  inembargabilidade ó non ter a condición de salario”

 A pesar das peticións oficiais das asociacións que compoñen o Comité Nacional de Transporte por Estrada para reconsiderar estas restriccións abusivas, e fundamentándose na xurisprudencia favorable a limitar a posibilidade de embargo, na práctica as Administracións  Púbicas continúan xeralizando a súa actuación en todos os casos, sen ter en consideración os prexuízos que ocasiona ao sector.