As Federacións de transportistas solicitan á Xunta de Galicia solucións para facilitar a vacinación masiva dos condutores profesionais

  • FETRAM e FEGATRANS-Apetamcor alertan á Xunta de Galicia das dificultades ás que se enfrontan moitos transportistas ou condutores que son chamados a vacinarse encontrándose de viaxe fóra do seu domilicio ou véndose obrigados a perder unha semana de traballo para cumprir coa vacinación.
  • Como solución doada, propoñen á Administración a reserva de ocos en horario de fin de semana para a vacinación dos profesionais do transporte que así o soliciten, o alternativamente artellar un sistema de cita previa para os traballadores móbiles.
  • Ademais, de ser posible, administrar preferentemente a vacina monodose Janssen.

As federacións galegas de transportistas, FETRAM e FEGATRANS-Apetamcor, que na actualidade agrupan a máis de 1.700 pemes e autónomos do transporte de mercadorías por estrada, veñen de alertar á Xunta de Galicia das dificultades ás que se están a enfrontar os profesionais do sector que son chamados para a súa vacinación da Covid-19 e non lles é posible persoarse no lugar de vacinación no día e hora convocados por razóns de traballo, xa que pola súa condición de traballadores extraordinariamente móbiles poden estar nalgunha das seguintes situacións:

  • Estar xa en ruta e non voltar ao domicilio antes desa data.
  • O condutor aínda non saiu á ruta pero xa ten o camión cargado e por tanto non lle é posible reorganizar o traballo para poder vacinarse.
  • Ou directamente condutor opta por aprazar a vacinación porque lle dan cita, por exemplo,
    para o mércores da semana seguinte e iso suponlle tanto como perder a semana enteira de
    traballo, o que evidentemente suporía un elevado custo para a empresa, podéndose evitar.

Así llelo comunicamos por escrito en días pasados aos responsables da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia solicitando a correspondente mediación coa Consellería de Sanidade e ao mesmo tempo en persoa á propia Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na reunión mantida con esta nas dependencias de San Caetano.

Descoñecendo desde logo os protocolos internos que teña Sanidade para a dispensación das vacinas e a organización das quendas de vacinación, desde FETRAM e FEGATRANS-Apetamcor propoñemos comos solucións doadas e inmediatas, crendo que non debería ser un grande problema de organizativo ou xestión para Sanidade, as seguintes:

  1. Permitir que os condutores que manifesten dificultade ou imposibilidade para vacinarse na data e hora inicialmente fixada poidan mover a súa cita para outra data, preferentemente na fin de semana (sábado ou domingo), simplemente reservando en cada Área Sanitaria ocos nos horarios da fin de semana para a vacinación destas persoas traballadoras móbiles.
  2. Alternativamente ao anterior, podería habilitarse un sistema de cita previa para estas.
  3. Destinar preferentemente as vacinas monodose Janssen para a vacinación das persoas traballadoras móbiles.