O IGAPE destina 200.000€ á dixitalización de 104 pemes do transporte de mercadorías por estrada

  • O IGAPE vén de resolver favorablemente todos os proxectos presentados por esas micropemes e autónomos/as do sector, cuxa finalidade é a dixitalización dunha boa parte dos procedementos e tarefas que deben realizar co obxecto mellorar a súa produtividade e, ao mesmo tempo, reducir o risco de contaxio pola COVID-19.
  • Estes proxectos, denominados “DIXITALIZA-t”, foron presentados ao abeiro do Programa “Cheques Dixitalización COVID-19” convocado polo IGAPE, e contou para o seu deseño e xestación co soporte do Departamento de IT de APETAMCOR.

A Federación Galega de Transportistas-APETAMCOR, organización que agrupa na actualidade á maioría das pemes e os autónomos/as do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, quere agradecer publicamente á Consellería de Economía e ao IGAPE o apoio mostrado a este sector, coa publicación da concesión de 104 subvencións por un montante total de 194.000 €, destinadas á dixitalización das pequenas empresas transportistas. 

Así, durante o presente mes de novembro o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), entidade dependente da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, resolveu favorablemente a totalidade de proxectos presentados baixo a denominación común de “DIXITALIZA-t” por 104 pemes e autónomos/as do sector do transporte de mercadorías por estrada, ao abeiro do Programa “Cheques Dixitalización COVID-19” convocado por este organismo segundo Resolución de 15 de xuño de 2020 de publicación de bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19, publicada no DOG de 18 de xuño de 2020.

O Departamento de IT de APETAMCOR entendeu este Programa “Cheques Dixitalización COVID-19” como unha excelente oportunidade para as pequenas empresas e autónomos/as do sector, entendendo que avanzar na dixitalización do noso tecido produtivo supón incrementar a súa produtividade e, ao mesmo tempo, reducir en boa medida os factores de risco de contaxio pola COVID-19 dos condutores/as profesionais. Un colectivo que nesta crise sanitaria, ten emerxido como esencial para garantir o abastecemento da poboación, especialmente nos períodos de maior confinamento social.

Por tanto, o noso Dpto. de IT deseñou un proxecto que bautizou co nome de “DIXITALIZA-t” (acrónico de “Dixitalización do transporte”), e que logo puxo a dispor das pequenas empresas transportistas interesadas en avanzar na súa dixitalización. Con “DIXITALIZA-t”, procurouse como obxectivo a dixitalización da práctica totalidade de tarefas habituais do condutor/a profesional susceptibles de ser dixitalizadas, onde se advertía un maior risco de contaxio pola COVID-19. Para isto, contouse coa análise e diagnoses dos técnicos do Servizo de Prevención Mancomunicado SPM-APETAMCOR, e co asesoramento de varias empresas prestadoras de servizos de software para o sector do transporte.

Así, as 104 pemes e autónomos/as transportistas beneficiarias destas axudas do IGAPE para a implantación no seu seo do “DIXITALIZA-t” poderán:

  • Realizar a xestión en remoto da súa pequena frota de vehículos (control e localización por GPS), e mais a execución da descarga remota dos datos dos tacógrafos dos vehículos e das tarxetas dixitais dos condutores/as. Deste xeito, evita que o responsable da empresa transportista ou a persoa a quen este designe para esa responsabilidade, teña que desprazarse ata o vehículo e acceder á súa cabina.
  • Emitir en formato dixital o documento electrónico do transporte (DET), tamén coñecido como eCMR ou carta de porte electrónica, que logo poderán compartir telematicamente cos condutores/as da empresa e demais axentes actuantes no servizo de transporte (cargador, operador de transporte, destinatario da mercadoría, etc.) e así mesmo custodiar na nube, garantindo ademais así o transportista unha maior trazabilidade dos seus servizos de transporte. Este DET evita basicamente que o condutor/a teña que entrar en contacto directo co persoal das empresas cargadoras e destinatarias para intercambiar a documentación relativa ao transporte (ata agora en formato papel), e poida manterse na cabina do vehículo durante a carga e descarga da mercadoría. 

As empresas tecnolóxicas que colaboran no “DIXITALIZA-t”, na súa condición de provedoras do equipamento e das aplicacións de software son: BREOGAN SISTEMAS, WANATRUCK e GESTRAKING.

Contenidos relacionados

ndp-igape-apoia-dixitalización-sector-transporte.pdf