A limitación horaria na restauración endurece gravemente as condicións de traballo dos transportistas, que dificilmente poderán manter a súa actividade nestas condicións moito máis tempo

  • As federacións galegas de transportistas FETRAM e FEGATRANS-APETAMCOR solicitan por terceira vez á Consellería de Sanidade autorizar uns servizos mínimos de restauración para os/as transportistas, a fin de evitar a paralización do sector debido ás duras condicións nas que están desenvolvendo a súa actividade a causa da crise sanitaria.

Os/as transportistas están nunha situación límite, ata o punto de que moitos/as xa están manifestando que ven preto o momento de parar os seus vehículos. Ao feiro de que xa son moitos meses traballando nunhas condicións de extrema precariedade, e baixo a responsabilidade de garantir o abastecemento xeral da poboación no contexto da crise sanitaria pola COVID-19, agora engádese a maior limitación de apertura ao público dos establementos de hostalaría e restauración.

Contrariamente ao que xa acordaron sete Comunidades Autónomas, o Goberno da Xunta de Galicia acordou introducir novas limitacións á mobilidade dende o pasado 15 de xaneiro de 2021, entre as que se incluiu o peche ao público en toda Galicia dos establecementos hostaleiros e de restauración ás 18:00 horas, non establecendo ningún tipo de excepción ou servizos mínimos para os/as profesionais do transporte, que como é sabido moitos/as botan toda a semana fóra do seu domicilio tendo que pernoctar no camión ou inclusive traballan en horario nocturno.

Así, moitos/as profesionais do sector vense na obriga de teren que prestar o seu servizo nunhas condicións de extrema dureza, agravada polo feito de xa seren moitas as semanas nesta situación e a resistencia humana non é ilimitada, percibindo ao mesmo tempo o abandono por parte das Autoridades, que se negan a adoptar medidas de axuda, dignificación e protección a un colectivo que segue a ser esencial para garantir o abastecemento xeral da poboación.

Proposta de servizos mínimos de restauración para os condutores/as profesionais

As federacións galegas de transportistas FETRAM e FEGATRANS-APETAMCOR, integrantes no Comité Galego de Transportes e que na actualidade agrupan a máis de 1.700 autónomos/as e pemes do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, solicitamos hoxe por escrito por terceira vez á Consellería de Sanidade a autorización duns servizos mínimos de restauración para os/as profesionais do sector, máis alá da limitación horaria xeral establecida verbo da pandemia. En concreto a proposta de servizos mínimos para os condutores/as profesionais trasladada á Consellería de Sanidade, que entendemos aliviaría moito a situación crítica na que neste momento están a desenvolver o seu traballo, evitando un posible conflito por cesamentos na actividade, tería a seguinte concreción:

1º) Comunicación previa obrigatoria a Sanidade: O establecemento de hostalaría e restauración que desexe prestar servizos mínimos de restauración aos/ás profesionais do transporte máis aló da limitación horaria que no seu respectivo concello estea establecida pola Autoridade Sanitaria, deberá obrigatoriamente enviar unha comunicación previa ao efecto á Consellería de Sanidade manifestando a) a súa intención de ofrecer servizos mínimos a condutores/as profesionais nun horario máis prolongado; b) especificando o horario prolongado que vai ter; c) e identificando o nome do establecemento e a súa ubicación.

2º) Só en parques empresariais e áreas de servizo fóra de zonas urbanas: Os establecementos que desexen prestar eses servizos mínimos, deberán estar ubicados necesariamente en parques empresariais, polígonos industriais ou anexos a áreas de servizo fóra de zonas urbanas.

3º) Exclusivamente para os/as profesionais do transporte: Os/as profesionais do transporte que desexen facer uso deses servizos mínimos deberán acreditar a súa condición, baixo algún documento que así o acredite (proponse a tarxeta CAP de condutor/a profesional).

4º) Consumición no interior sempre de xeito individual e sentado/a: Nese horario de servizos mínimos, a consumición en interior deberá realizarse de modo individual e sentado (non en barra), garantindo en todo caso as demais medidas de seguridade contra a COVID-19.

5º) Escrupulosa limpeza e desinfección: Garantirase unha escrupulosa limpeza e desinfección dos espezos comúns, fundamentalmente aseos e duchas.

6º) Non agrupación de persoas: O establecemento deberá controlar e responsabilizarse en todo momento de que non se produce a agrupación de persoas, nin no interior nin no exterior do establecemento, estando obrigado a comunicar á policía local aquelas prácticas que incumpran este precepto.

7º) Limitación venda de bebidas alcohólicas: Se a autoridade sanitaria o considera necesario, tamén se podería establecer a prohibición de venda de todas ou deberminadas bebidas alcohólicas a partir dunha determinada hora. Dende as institucións públicas non abonda con recoñecer socialmente mediante declaracións institucionais que a actividade do transporte ten a condición de esencial para a poboación nesta pandemia da COVID-19, senón que se deben adoptar medidas a prol de que esta actividade se poida desenvolver nas mellores condicións de saúde, hixiene e dignidade.

Contidos relacionados: ndp_A-limitacion-horaria-na-restauracion-endurece-as-condicions-dos-transportistas