Novas colas quilométricas de camións no Reino Unido

  • Os graves problemas no  Eurotúnel e portos de embarque para saír do Reino Unido ocasionan colas de máis de 30 km de camións nas autoestradas de acceso, impedindo ademais o cumprimento das normas sobre tempos de condución e descanso aos transportistas ao entrar na UE.
  • As autoridades británicas advirten que se impoñerán sancións de 300 libras aos transportistas que buscan itinerarios alternativos por outras estradas locais para acceder aos portos de saída.

Colas de máis de 30 km

Estes últimos días os transportistas españois, así coma do resto de países europeos, estanse enfrontando a colas diarias de máis 30 quilómetros para saír do Reino Unido, o que orixina esperas de máis de 10 horas con vehículos aparcados nas beiravías das autoestradas, ocasionando enormes prexuízos aos transportistas que, nestas circunstancias, ademais carecen de espazos de aparcamento para os vehículos así coma lugares de descanso adecuados cunhas mínimas condicións hixiénico sanitarias.

Ademais, os transportistas non poden cumprir coa regulación legal sobre tempos de condución e descanso cando acceden a territorio europeo pola acumulación de horas perdidas que sufriron no territorio británico.

Multas de 300 £ por usar rutas alternativas

As autoridades británicas comprometéronse a traballar para adoptar medidas que solucionen a situación para facilitar o acceso á localidade fronteiriza de Kent, punto de acceso aos ferries de embarque e do Eurotunel.

Ademais, advertiron que se impoñerán multas de 300 libras para aqueles que non sigan especificamente as instrucións proporcionadas polos axentes ou tenten usar roteiros alternativos aos portos de saída, como estradas locais, podendo ademais ser detidos polos axentes encargados do cumprimento da lei.