Un respiro para o sector: o Goberno aproba novas medidas para mellorar a sustentabilidade e as condicións dos transportistas

  • O Real Decreto-lei aprobado este martes día 1 de marzo no Consello de Ministros pretende reequilibrar as asimetrías que existen entre os actores do sector, mellorar a posición e competitividade do transporte de mercadorías por estrada, e garantir condicións laborais adecuadas.
  • O acordo conta cun total de 20 medidas, e inclúe a adaptación das tarifas de transporte á variación do prezo do combustible, a prohibición da carga e descarga polos condutores e a redución do tempo de espera a 1 hora.
Revisión das tarifas de transporte en función da variación do prezo do gasóleo

Establécese de forma obrigatoria a actualización das tarifas de transporte ante a variación do prezo do combustible dende o momento da contratación ata a realización efectiva do transporte, o que se aplicará a todos os contratos continuados de transporte, xa sexan escritos como verbais (máis do 80% da contratación no sector do transporte realízase de xeito verbal).

Así mesmo, na factura deberá figurar de forma desglosada a repercusión no prezo do transporte das variacións no prezo do carburante, aplicando a fórmula prevista na vixente Orde Ministerial FOM/1882/2012, de 1 de agosto, de condicións xerais de contratación no transporte terrestre:

  • un 30% da porcentaxe de suba do gasóleo para os camións de MMA superior a 20 toneladas,
  • un 20% para camións de máis de 3,5 toneladas pero que non superan as 20 toneladas e para
    os camións de obras,
  • e un 10% para os camións de ata 3,5 toneladas.

A fin de poder repercutir a forte suba do gasóleo destes últimos meses, o Real Decreto-Lei inclúe unha Disposición Transitoria que recolle a obriga de aplicar a citada fórmula. Así, no prazo de 6 meses desde a aprobación do RDL con data de hoxe, deberanse adaptar os contratos xa existentes que incluisen unha cláusula de revisión de prezos distinta á das condicións xerais de contratación que recolle a Orde FOM/1882/2012.

Ademais, aqueles contratos de transporte continuado vixentes á entrada en vigor deste RDL que non tiveran cláusula de revisión de prezos, incluirán a obriga de actualizar o prezo do transporte cada tres meses tras a entrada en vigor do RDL tendo en conta que o índice de variación do prezo medio do gasóleo a empregar na fórmula de revisión de prezos tomará como referencia os últimos 12 meses.

Prohibición da carga e descarga polos condutores

Queda prohibido con carácter xeral que o condutor realice as operacións de carga e descarga das mercadorías e dos seus soportes en vehículos superiores a 7,5 toneladas tanto na orixe coma no destino do servizo de transporte, permitindo excepcións puntuais nas que se require a participación do condutor (mudanzas, vehículos cisternas, portavehículos, vehículos grúas, animais vivos, paquetería e pequenos repartos locais).

Nestes casos, o transportista recibirá unha remuneración diferenciada á do porte, que deberá vir ademais desglosada na factura.

Establécese unha moratoria de 6 meses para a súa entrada en vigor para permitir que os titulares dos centros de carga e descarga poidan contratar e formar carretilleiros e mozos de almacén.

Ademáis, establécese un réxime sancionador para vixiar o seu cumprimento, que requirirá a coordinación previa dos Ministerios de Traballo e Transportes

Redución do tempo de espera a 1 hora nas zonas de carga e descarga

Queda reducido a só 1 hora o prazo máximo de espera dos camións nos centros de carga e descarga, transcorrido a cal o transportista terá dereito a esixir ao seu cliente unha indemnización por paralización.

Ademais, inclúese unha disposición relacionada co cálculo das indemnizacións ó transportista por danos ocasionados que impliquen a paralización do vehículo. Estímase que as penalizacións serán de 38,60 € por cada hora de paralización, cun máximo de 10 horas de paralización/día.

Reforzo dos medios de inspección para loitar contra a competencia desleal

Co fin de combater a competencia desleal promovida polas denominadas “empresas buzón”, apróbase unha disposición normativa para reforzar a inspección con medios propios das Administracións Públicas.

Así, e como resultado de incluír na lexislación española a Directiva europea de condutores desprazados, será obrigatorio comunicar previamente por vía telemática a realización de calquera servizo de transporte internacional ou de cabotaxe con orixe ou destino España, ademais de cumprir coas condicións salariais existentes nos nosos convenios colectivos.

Dende Apetamcor poñemos á disposición de todos os nosos asociados, a posibilidade de recalcular con exatitude o prezo dos portes en función da variación do prezo do combustible en calquera das nosas catro sedes.