Novos importes da indemnización por paralización e danos en transporte de mercadorías para 2021

  • Por mor da revalorización nun 5% do índice IPREM, increméntase o importe reclamable por paralización ata os 37,66€/hora, e o límite máximo de responsabilidade do transportista ata os 6,27 €/kg bruto transportado.

Na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, aprobados mediante a Lei 11/2020, de 30 de decembro, actualízase a contía do índice IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), despois de se manter conxelado durante 3 anos consecutivos. Como é sabido, o IPREM utilízase como referencia para diferentes conceptos económicos en transporte por estrada.

En concreto revalorízase un 5% con respecto á última actualización en 2017, quedando fixada a contía do IPREM/día en 18,83 euros, magnitude que se utiliza de referencia para o cálculo da indemnización por paralización do vehículo, así como dos danos en transporte de mercadorías. 

En consecuencia, a partir de 1 de xaneiro deste ano quedan establecidos como novos importes, tanto para as paralizacións de vehículos como para o límite das indemnizacións por perdas e avarías das mercadorías transportadas, os seguintes se non se pacta expresamente outro importe de responsabilidade entre cargador e porteador, tal como regula a Lei 15/2009 do Contrato do Transporte Terrestre.

Paralización do vehículos (tamén aplicable a sinistros ou avarías)
  • 1º DÍA DE PARALIZACIÓN: 37,66 €/hora (excluídas as 2 horas iniciais) e nun máximo 376,60 €/día (equivalente a 10 horas de paralización).
  • A PARTIR DO 2º DÍA DE PARALIZACIÓN, increméntanse as paralizacións iniciais nun 25%: 47,07 €/hora e máximo 470,75 €/día.
  • A PARTIR DO 3ER DÍA E SUCESIVOS, increméntanse as paralizacións iniciais nun 50%: 56,49 €/hora e máximo 564,90 €/día.
Límite contía responsabilidade por perda e avaría da mercadoría

O límite máximo polo que responde o/a transportista, queda establecido en 6,27 €/kg bruto transportado.