Así o establece o Ministerio de Sanidade tras a publicación da Orde SND/413/2020 no BOE o pasado sábado 16 de maio, que considera distintos prazos segundo a data de caducidade da tarxeta. Ademais, dende este luns 18 de maio autorízase a apertura de todos os centros de ITV en España, e non só daqueles situados nos territorios en Fase 1.

AMPLIACIÓN DA PRÓRROGA DA VALIDEZ DO CERTIFICADO ITV

O prazo para acudir á ITV para aquelas tarxetas caducadas durante o estado de alarma, xa se prorrogara en 30 días naturais a contar dende a fin do mesmo. Agora, engádese un período extra de 15 días por cada semana transcurrida dende o 14 de marzo, polo que o prazo estendese en función da data de caducidade
da tarxeta:

  • Vehículos que tiñan que pasar a inspección na 1a semana do estado de alarma (do 14 ao 20 de marzo): Sumarán un prazo extra de 15 días, ademais dos 30 xa establecidos. En total, 45 días naturais de prazo.
  • Vehículos que tiñan que pasar a inspección a 2a semana do estado de alarma (entre o 21 e o 2 de marzo): Sumarán 2 períodos extra de 15 días, ademais do 30 xa establecidos. O prazo total será de 60 días.
  • E así sucesivamente.

Recordamos que os centros SYC en Galicia xa abriron as súas portas, polo que xa é posible pasar a inspección dos vehículos cuxa ITV leve caducada dende antes do estado de alarma, malia que con cita previa.

ITV DOS VEHÍCULOS AGRÍCOLAS

Estes períodos non se aplicarán á validez dos certificados de ITV dos vehículos agrícolas destinados a labores de campo, que serán prorrogados ata o 10 de novembro de 2020.

REGULACIÓN IRRACIONAL E ANTIECONÓMICA

Sorprende a publicación desta Orde do Minsiterio de Sanidade porque previsiblemente nos vindeiros días, publicarase un Regulamento da Comisión Europea que incluirá, entre outras cuestións, unha ampliación dos prazos na revisión periódica obrigatoria dos vehículos, común para todos os países. Ademais, esta norma faise ás costas das necesidades específicas do transporte por estrada, xa que na práctica vai supor que todos os camións de máis de 10 anos, que deben pasar a revisión só cada 6 meses, con esta nova regulación terán que volver a pasar unha nova ITV prácticamente no mes seginte, o que é irracional e antieconómico.