O acordo pos-Brexit permitirá facer transporte co Reino Unido ilimitadamente pero con controis fronteirizos e aduaneiros

  • O acordo subscrito entre a U.E. e o Reino Unido permitirá dar continuidade á actual conectividade do transporte por estrada, malia que a prestación de servizos por parte dos/as transportistas verase ralentizada a partir de 1 de xaneiro co establecemento de controis fronteirizos e aduaneiros para acceder a dito país.
  • Coa actual licenza comunitaria, os/as transportistas galegos/as poderán seguir realizando sen límite algún transportes internacionais co Reino Unido, e ademais ata 2 operacións de cabotaxe en territorio británico.
O Acordo de 24/12/2020 entre a U.E e Reino Unido

O acordo subscrito entre a Unión Europea e o Reino Unido o pasado 24 de decembro permitirá dar continuidade aos actuais fluxos comerciais co país británico tras a finalización do período transitorio establecido o próximo 31 de decembro. Para que sexa aplicado con carácter definitivo, o acordo deberá ser ratificado nas vindeiras semanas tanto polo Parlamento británico como polos Parlamentos dos Estados membros que conforman a UE, malia que en todo caso entrará en vigor con carácter provisional o próximo 1 de xaneiro, eliminando a posibilidade real dun colapso do tráfico de camións entre a UE e o Reino Unido.

Así e todo, o establecemento de controis fronteirizos e aduaneiros a partir de 1 de xaneiro ralentizará con toda probabilidade o acceso dos camións a territorio británico, polo que as colas quilométricas que nas últimas semanas se estiveron producindo, previsiblemente se reproducirán.

Polo seu interese, a continuación reprodúcense os aspectos máis relevantes relativos ao transporte de mercadorías por estrada que incluiu o Goberno británico no documento explicativo que elaborou, co obxecto de explicar como será o réxime aplicable a partir de 1 de xaneiro en base ao acordo pos-Brexit subscrito entre a UE e o Reino Unido.

Os transportistas poderán seguir operando cos mesmos dereitos

O Acordo de Comercio e Cooperación UE-Reino Unido subscrito, prevé o acceso ao transporte internacional a partir de 1 de xaneiro sen cotas nin limitacións de cupo para as empresas transportistas que transportan mercadorías por estrada entre a UE e o Reino Unido. Isto significa que, os camións de calquera dos países da UE poderán chegar ao Reino Unido e regresar de aló ilimitadamente, inclusive cando non estean cargados. Os mesmos dereitos outórganse aos/ás transportistas do Reino Unido que viaxen desde dito país a calquera punto da UE e o seu regreso.

De non terse alcanzado o Acordo, só un número moi reducido de empresas transportistas titulares de licenzas da Conferencia Europea de Ministros de Transporte (ECMT) poderían realizar estas viaxes (no caso de España só aprox. a 800 autorizacións). Con todo, grazas ao acordo alcanzado, as empresas transportistas dos países da UE poderán seguir operando coa súa actual licenza comunitaria para poder seguir transportando mercadorías ao Reino Unido. No caso das empresas de transporte residentes no Reino Unido, a súa licenza comunitaria será substituida por unha nova licenza para poder operar coa UE, a cal será expedida polas autoridades británicas sempre que cumpran cos requisitos de competencia profesional, capacidade económica, honorabilidade e establecemento idénticos aos esixidos ás empresas da UE.

Ademais as empresas transportistas da UE e do Reino Unido tamén poderán realizar ata 2 operacións adicionais no territorio da outra parte, unha vez que crucen a fronteira. Isto permitirá aos transportistas da UE que levan unha carga ao Reino Unido realizar 2 operacións de cabotaxe no Reino Unido, o que limitará o risco de ter que viaxar de regreso á UE sen carga.

Para os/as transportistas do Reino Unido, estas operacións adicionais poden estar compostas por dúas operacións de comercio cruzado (é dicir, operacións de transporte entre dous Estados membros) ou ben unha operación de comercio cruzado e unha operación de «cabotaxe» (é dicir, unha operación de transporte dentro de dous puntos dun so Estado membro).

Disposicións específicas sobre seguridade viaria e competencia leal

Todas as empresas de transporte, condutores/as e vehículos involucrados en viaxes transfronteirizos estarán suxeitos aos altos estándares comúns establecidos no Acordo, que son específicos do sector do transporte por estrada. Estes inclúen, en particular, as condicións laborais dos condutores/as, o seu nivel de cualificación profesional, os requisitos técnicos dos vehículos e as condicións mínimas para que as empresas transportistas obteñan unha licenza. Estas condicións son esenciais para garantir unha competencia leal, boas condicións de traballo para os condutores/as e un alto nivel de seguridade viaria. Ademais, as disposicións sociais e de competencia leal que se aplican a todo o Acordo tamén se aplicarán ao sector do transporte por estrada.

Disposicións especiais para o transporte entre Irlanda e o resto da U.E

O Acordo permite todos os dereitos de tránsito. Isto significa que as empresas transportistas da UE poden cruzar Gran Bretaña para chegar á UE ou outros terceiros países desde Irlanda.

Do mesmo xeito, os operadores do Reino Unido poden transitar polo territorio da UE para chegar a outras partes do Reino Unido (por exemplo, Irlanda do Norte) ou terceiros países. Estas disposicións permitirán a continuación dos vínculos loxísticos entre Irlanda e o resto da UE a través do Reino Unido.

As empresas irlandesas poderán seguir utilizando estas rutas comerciais, a non ser que dicidan utilizar rutas directas ao resto da UE por mar. As empresas transportistas con sede en Irlanda e en Irlanda do Norte, tamén poderán realizar 2 operacións de cabotaxe no territorio do outro.