Hoxe publícase no BOE o Real Decreto 70/2019, de 15 de febreiro, polo que se aproba o novo Regulamento de Ordenación dos Transportes Terrestres (ROTT), que inclúe importantes novidades para o sector que a continuación detallamos, e que entrará en vigor mañá xoves día 21 de febreiro. A última novidade ten que ver cos cambios na frota de vehículos: desaparece a media de 6 anos e agora poderase aumentar ou substituír vehículos sempre que a idade media final da frota sexa inferior á que tiña a empresa transportista antes do aumento ou substitución.

ACCESO Á PROFESIÓN: REQUISITO DE ESTUDOS PREVIOS: No que se refire ao acceso á profesión, para poder obter o título de competencia profesional de xestor de transporte (antigamente denominado capacitación de transporte) será necesario ter un nivel académico de estudos mínimo de bacharelato, ou equivalente, ou o título de formación profesional (FP) de grao medio.

XESTOR DE TRANSPORTE: A partir de agora, a vinculación entre a persoa que posúe o título de competencia profesional e a empresa transportista deberá ser real e efectiva, de xeito que o ROTT detalla todas as tarefas de supervisión das que é responsable o xestor de transporte na empresa en todos os ámbitos. Por conseguinte, esixirase a existencia dunha relación laboral a tempo completo e tamén o desenvolvemento de todas esas actividades de supervisión, converténdose no coñecido como XESTOR DE TRANSPORTE.

Caso A: TRANSPORTISTAS AUTÓNOMOS Como norma xeral, a partir da entrada en vigor do ROTT, se o autónomo non ten o título de competencia profesional (capacitado) poderá contratar laboralmente a unha persoa que teña o título a xornada completa (8h/día). No caso do/da cónxuxe, deberá estar dado de alta no Réxime de Autónomos como autónomo colaborador. Excepción: aqueles autónomos que na actualidade teñan contratado a un capacitado a tempo parcial (porque xa o tiñan con anterioridade a abril de 2007) poderán mantelo sen necesidade de aseguralo a xornada completa, sempre que se manteña a ese mesmo capacitado. No caso de que o capacitado fose o/a cónxuxe (que ata agora non estaba asegurado/a), agora deberá estar como autónomo colaborador.

Caso B: SOCIEDADES Sen excepción nin período transitorio, desde a entrada en vigor do ROTT quen que aporta o título de capacitado deberá estar asegurado a xornada completa (8h/día). En consecuencia, a partir da entrada en vigor do ROTT non se permitirán contratos a tempo parcial do capacitado. Debe recordarse que se quen aporta o título é un dos socios da sociedade, deberá posuír  máis do 15% do capital e tamén deberá estar dado de alta no Réxime da Seguridade Social que corresponda en función da súa porcentaxe de participación na sociedade (normalmente no Réxime de Autónomos).

PERDA DE HONORABILIDADE: Regúlase o requisito da honorabilidade, de xeito que agora tanto a empresa de transporte como a persoa que aporta o título poderían perder dita condición, feito este que implicaría no caso da empresa a suspensión da validez das autorizacións de transporte por un período dun ano e no do capacitado a imposibilidade de aportar o título a ningunha empresa polo mesmo período A perda da honorabilidade podería darse en caso de comisión dunha única infracción moi grave ou por tres infraccións graves en determinados supostos. En calquera caso, a perda deste requisito requirirá unha resolución previa expresa por parte do Director Xeral de Transporte da Comunidade Autónoma.

FROTA MÍNIMA DE ACCESO AO SECTOR: Cumprindo así coa esixencia da Unión Europea, elimínase o actual requisito de frota mínima de 3 camións para acceder ao sector, permitíndose a partir de agora que se poida acceder ao sector cunha nova autorización de transporte cun único vehículo de transporte, aínda que se mantén o requisito antigüidade máxima, é dicir, de 5 meses.

AUTORIZACIÓNS DE TRANSPORTE PESADO vs AUTORIZACIÓNS DE TRANSPORTE LIXEIRO: As autorizacións de transporte lixeiro MDL serán exclusivamente para frotas cuxos vehículos non exceden 3,5 Tn de MMA. Así, aqueles transportistas con autorización MDL pero que teñan algún vehículo con MMA superior a 3,5 Tn  transformaranse automaticamente en autorizacións de transporte pesado MDP unha vez entre en vigor o ROTT.

AUMENTO OU SUBSTITUCIÓN DE VEHÍCULOS: Desaparece finalmente a regra da media de 6 anos para as modificacións na frota, de xeito que agora poderase aumentar ou substituír sempre que a idade media da frota resultante despois da incorporación do novo vehículo ou da substitución dun dos xa existentes por outro novo sexa inferior á ideade media da frota da nova incorporación ou substitución.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *