O Goberno acordou prorrogar o actual límite de facturación para a tributación por módulos en 2022
O Goberno decidiu prorrogar un ano máis o réxime transitorio que se aprobou en 2016 para que os/as transportistas autónomos/as poidan acollerse o réxime fiscal de estimación obxectiva (coñecido comunmente como réxime de módulos), en base á súa facturación total no ano anterior, aprazando en consecuencia a reforma do réxime fiscal para os autónomos que tiña previsto pór en marcha o próximo ano.
En consecuencia, en 2022 poderán seguir acollidos ao réxime de módulos os/as autónomos/as cuxa facturación anual neste ano 2021 non supere os 250.000 euros, que se reduce a 125.000 euros cando a súa facturación se realice en máis dun 50% a empresas ou profesionais, como é o caso dos autónomos que traballan no sector do transporte de mercadorías por estrada.
Así, malia que se prevía que dito réxime transitorio permanecera só 2 anos, establecendo que a partir de dito prazo se reduciría sensiblemente o límite para poder acollerse á tributación por módulos, sen embargo, na práctica non chegou aínda a entrar en vigor esa redución sensible do límite polas sucesivas prórrogas que se viñeron aprobando, sendo esta a sexta vez que se prorroga.
Para permitir que se aplique a nova prórroga para 2022 do actual límite de facturación anual para acollerse ao réxime de módulos, o Goberno acordou introducilo na Lei de Orzamentos Xerais para 2022 que aprobou en Consello de Ministros o pasado xoves 7 de outubro e que entrará no Congreso dos Deputados esta semana para a súa tramitación, malia que a súa aprobación final dependerá de que finalmente o Goberno conte coa maioría suficiente para sacar adiante os Orzamentos Xerais para o próximo ano 2022.