O incremento desorbitado do prezo do gasóleo nos últimos meses sitúa ás empresas de transporte de mercadorías ao borde do colapso

  • O sector está chegando a unha situación límite consecuencia de non poder repercutir de forma xeralizada nas tarifas que cobran aos clientes polos servizos de transporte, o alarmante incremento nos seus custos de explotación nos últimos meses.
  • A unha suba descontrolada dun 35% no prezo do gasóleo nos últimos doce meses, hai que sumarlle a tendencia ascendente dos demais custos que deben soportar os transportistas: neumáticos, talleres, custos de persoal, impostos, etc.
  • Neste contexto, avecíñase un outono difícil se esta dinámica continúa, porque os transportistas non poderán soportar moitos máis meses traballando con marxes inexistentes ou directamente a perdas. Esta situación, unida á grande escaseza de condutores profesionais, pode poñer en risco o normal abastecemento da poboación, agora que se aveciñan as campañas de Nadal.

A Federación Galega de Transportistas-Apetamcor, organización maioritaria das pemes e os autónomos do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, moi preocupada pola situación límite á que está a chegar a inmensa maioría do sector, quere pór de manifesto as seguintes consideracións:

1º) O sentimento de preocupación é agora xa de indignación na inmesa maioría de profesionais e empresas do sector do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, que están a sufrir unha escalada incontrolada nos seus custos de explotación. Ao incremento nos últimos doce meses de nada menos o 35% no custo do gasóleo, hai que agregarlle de forma significativa a tendencia alcista do resto de custos menores: neumáticos, talleres, seguros, custos de persoal, impostos, taxas, etc.

2º) Esta indignación chega, porque unha parte moi importante das empresas cargadoras contratantes dos servizos de transporte están a negar aos transportistas unha actualización das tarifas por estes servizos que compense esta suba dos custos do transporte, conforme recollen as normas legais sectoriais correspondentes. En concreto, non se está a cumprir co artigo 38 da Lei 15/2009, de 11 de novembro, do contrato de transporte terrestre de mercadorías, relativo á revisión do prezo do transporte por estrada en función da variación do prezo do gasóleo, nin a Orde Ministerial que o desenvolve (punto 3.4 do Anexo da O.M. FOM/1882/2012, de 1 de agosto).

Curiosamente, moitas destas empresas cargadoras que si aplicaban as normas legais referidas en escenarios contrarios, é dicir, co gasóleo á baixa, para axustar as tarifas á baixa, agora fan oídos xordos, unhas argumentando que a crise da COVID-19 aínda lles está a pasar factura e non dan para máis e outras simplemente respondendo co frase feita “isto é o que hai, ou o tomas ou o deixas”.

3º) É máis, os últimos datos actualizados dos Observatorios de Custos, Prezos e Actividade do transporte de mercadorías por estrada feitos públicos hai poucos días polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana abondan na dinámica relatada, pois advirten deste elevado incremento nos custos que están a soportar as empresas de transporte españolas, así mesmo alertando que a tendencia que se observa nos prezos do transporte é, pola contra, á baixa. 

En calquera caso, o certo é que na debilidade estrutural do tecido empresarial do transporte de mercadorías por estrada, que non é quen de negociar comercialmente de igual a igual cos seus clientes contratadores de transporte, é onde se encontra a resposta a como é posible que neste escenario os transportistas non consigan actualizar as súas tarifas de modo acorde á alza do carburante.

4º) Como resulta evidente para calquera sector de actividade, non é sostible no tempo esta dinámica xeralizada de custos á alza e prezos á baixa, que afoga economicamente ata a ruína ás nosas pemes e autónomos ata o punto de vérense na obriga de traballar durante meses cunhas marxes comerciais inexistentes ou directamente a perdas.

É máis, se nas vindeiras semanas non se produce unha actualización de prezos no transporte acorde á suba de custos destes últimos meses, non é esaxerado pensar que o sector en Galicia estea tan lonxe da situación que xa se está a vivir en Reino Unido en canto á preocupación social por un posible desabastecemento dos mercados, agora que se aveciñan as campañas de Nadal, porque os transportistas se verán na obriga de cesar na actividade, xa non só pola escaseza actual de condutores profesionais cualificados, senón porque non ten sentido traballar para arruinarse.