O transporte público de mercadorías queda fóra das axudas do Plan Renove

Dado que o Programa Renove opera baixo as condicións recollidas no Regulamento (UE) 1407/2013, de 18 de decembro de 2013, relativo ás axudas “de minimis”, que establece que ditas axudas non poderán utilizarse para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada de servizo público, as pemes e autónomos/as que operan na actualidade no sector do transporte público de mercadorías quedan automaticamente excluídos desta liña de axudas, malia que efectivamente mediante estas axudas se subvencionan vehículos destinados ao transporte de mercadorías das categorías N1 (cuxa MMA é inferior a 3,5 Tn), N2 (MMA entre 3,5 e 12 Tn) e N3 (MMA superior a 12 Tn).

Esta situación é consecuencia dun absoluto engano dos Ministerios de Industria e Transporte ao noso sector, xa que lonxe de advertirnos en ningún momento de tal exclusión, promocionaron desde o mes de xullo o «Plan Renove 2020» como un instrumento para facer fronte ao impacto da COVID-19 no sector do transporte (Real Decreto-Lei 25/2020, de 3 de xullo, de medidas urxentes para apoiar a reactivación económica e o emprego).

É incoherente e indignante que o Goberno, a Unión Europea e as principais Administracións fagan alarde das axudas destinadas á mobilidade sostible e, ao mesmo tempo, abandonen á súa sorte ás empresas deste sector, que quedan fóra da posibilidade de lle ser subvencionadas ao amparo desta liña de axudas as operacións de compra de camións e furgóns novos desde 15 de xuño, pero non así as empresas con vehículos de servizo privado, de aluguer de vehículos sen condutor e outras que si poderán beneficiarse.

Ante este novo atropelo ao sector, as federacións de transportistas xa solicitaron do Goberno unha solución para que as pemes e autónomos/as do transporte público de mercadorías poidan percibir algún tipo de axuda para a renovación da frota.