Os transportistas foron o colectivo profesional máis infectado durante a crise da COVID-19, por riba do persoal sanitario e outros colectivos de risco.
Os primeiros datos que recibimos do estudo epidemilóxico de sero-prevalencia a nivel estatal alertan que, por sectores de actividade, a maior proporción de casos positivos concéntrase entre os traballadores do transporte cun 5,6%, moi por riba dos profesionais da saúde que prestan asistencia clínica, cun 3,8%, e polos empregados doutros centros sanitarios, cun 3,4%.
Hai que ter en conta que se xa de por si a súa condición de traballadores extraordinariamente móbiles os convirte en traballadores de risco pola Covid-19, este agrávase enormemente se nas plataformas e centros de carga e descarga se ven na obriga de baixar da cabina do camión e interaccionan con traballadores doutras empresas, de diferentes centros de traballo durante a mesma xornada ou a mesma semana, con quen é difícil en moitos casos preservar a distancia de seguridade. A isto únese outro factor de risco para a saúde dos condutores como é a manipulación de equipos de traballo ou medios de protección que non son propios, e que por tanto tamén manexan traballadores doutras empresas, descoñecendo a necesaria limpeza e desinfección dos mesmos.
Por tanto, dende Apetamcor seguimos sen entender como o Ministerio de Transportes segue negándose a aprobar a prohibición de que os transportistas realicen os labores de carga e descarga das mercadorías, xa que manter a posibilidade de que teñan que seguir realizando ditas tarefas nos centros de carga e descarga, manipulando maquinarias de terceiros en emprazamentos que lles son alleos, ten como consecuencia a non redución do risco de contaxio dos condutores e de contribuír á súa expansión a outras persoas, o que ademais vai absolutamente en contra de todas as medidas de prevención sanitaria esixidas polo Goberno durante esta pandemia.