Desde hoxe os vehículos pesados beneficiaranse dun desconto do 20% en toda a AP-9 e a gratuidade do treito Vigo-Redondela
- Se ben o Goberno atende por fin a demanda da gratuidade do treito entre Rande e Redondela, Apetamcor segue considerando insatisfactoria a rebaixa do 20%, advertindo ademais que vai ser insuficiente para que a autoestrada recupere sensiblemente o tráfico pesado que por mor do elevado importe da peaxe se desvía ás vías convencionais.
Hoxe día 29 de xullo entran en vigor os descontos na AP-9
Logo de ser anunciado publicamente hai uns días polo propio Presidente do Goberno e a Ministra de Transportes, o BOE publicou este mércores o Decreto aprobado no Consello de Ministros do día anterior que dá luz verde ás bonificacións pactadas polo Goberno central con Audasa que hoxe entran en vigor, tras varios meses de negociacións entre as partes, e que queda do seguinte xeito:
a) Vehículos pesados:
- Desconto do 20% en todos os treitos, sen ningún tipo de condicións horarias ou de reiteración, e para calquera sistema de pagamento de peaxe. O desconto realizarase de forma automática no momento do pagamento na cabina de peaxe, redondeándose aos 0 ou 5 céntimos.
- Gratuidade Vigo-Redondela: bonificación do 100% dos recorridos internos neste treito (orixe/destino Rande-Vigo), incluído o acceso ao Porto de Vigo.
b) Vehículos lixeiros (requisito: o vehículo deberá ir equipado con dispositivo de telepeaxe):
- Gratis todos os traxectos de volta que se realicen nun prazo máximo de 24 horas, sempre que o recorrido de volta sexa igual ao de ida. A bonificación do 100% no recorrido de regreso ao punto de orixe aplicarase todos os días da semana, festivos incluídos.
- Bonificación adicional do 50% do recorrido de ida no treito Puxeiros-Tui para aqueles usuarios que realicen nun prazo máximo de 24 horas dous recorridos iguais (coa mesma orixe e destino) e de sentido contrario dentro deste treito de Puxeiros (Vigo) a Tui e viceversa, en días laborables e festivos.
- Gratuidade no acceso desde Redondela: bonificación do 100% nos recorridos internos no treito Redondela-Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), que realicen o mesmo traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas.
- Rebaixa por recorrencia do 20% do importe pagado en todos os recorridos realizados nun mes, a contar desde o recorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes en dito período. Contabilizarase como un desprazamento o conxunto de recorridos realizados nun mesmo día e nun mesmo sentido de circulación, calquera que sexan as entradas e saídas parciais rexistradas dentro do mesmo.
Nota: Ademais, manténse a gratuidade das circunvalacións de Santiago, Vigo, Pontevedra e o treito Fene-Ferrol e as bonificacións en A Coruña-Barcala e en Vigo-O Morrazo.
Uns descontos que non son suficientes para o sector
Apetamcor, xunto coas demais federacións galegas de transportistas e o Clúster da Función Loxística, reunímonos hai uns poucos días co Delegado do Goberno en Galicia e puidemos trasladarlle directamente a nosa visión unánime de que o 20% é unha porcentaxe que consideramos insuficiente para favorecer que os vehículos circulen preferentemente pola autoestrada, abandonando así as estradas convencionais que circulan paralelas.
Se ata agora un custo quilométrico medio de peaxe de 0,25 céntimos/km era prohibitivo, reducilo simplemente a 0,20 céntimos/km seguirá sendo prohibitivo. Neste sentido, a demanda que lle puxemos enriba da mesa ao Goberno foi que a bonificación debería ser alomenos do 55%, porque só cunha bonificación substancial se consegue facer atractivo para os transportistas abandonar as
vías convencionais en favor da autoestrada.
Así e todo, si nos temos que felicitar por conseguir por fin que o Goberno atendese á nosa demanda (case histórica) de eliminar a peaxe do treito Vigo-Redondela, acabando así con esa discriminación aberrante na área de Vigo, que causaba un forte impacto no tráfico pesado portuario que, sen vía alternativa, tiña que coller ese pequeno treito da autoestrada para desprazarse dentro desa zona portuaria. Desde logo, este logro débese á reivindicación constante que durante máis dunha década moitas organizacións, incluída a nosa, temos posto enriba da mesa aos diferentes gobernos e institucións.