Dende Apetamcor solicitamos ó Goberno Central acordar medidas urxentes antes de que se produza un colapso socioeconómico.

  • O sector do transporte profesional non é responsable da inflación nin do desabastecemento, só está parando porque non pode seguir traballando a perdas.

O sector do transporte de mercadorías por estrada está pasando por un dos momentos máis críticos dos últimos tempos, no que a precariedade e a desesperación son os protagonistas. 

Á desmesurada suba do gasóleo súmase a problemática de non poder negociar os portes que de por sí xa son baixos, polo que repercutir esa suba dos carburantes coa fórmula do Real Decreto-lei 3/2022, de 1 de marzo, segue facendo imposible que os transportistas poidan cubrir os custos; non só do gasóleo, senon de seguros, rodas, gastos de taller, prezo dos vehículos, impostos, taxas…etc.

Todos estes factores ocasionan que o transporte profesional se vexa na obriga de traballar a perdas e non exista viabilidade económica no sector. Por todos estes motivos, o sector decidiu, de forma maioritaria, parar. E este paro ó que damos voz dende Apetamcor é só o reclamo dos nosos socios, o reclamo dun colectivo afogado e sen amparo das Institucións.

O transporte profesional non é culpable da inflación de prezos nin do desabastecemento social, nin moral nin legalmente. Nós somos os perxudicados, e non imos permitir que caia nas nosas costas unha responsabilidade que é do Goberno.

Dende Apetamcor, en representación dos seus socios e en solidariedade co propio sector ó que representa, solicitamos ó Ministerio competente e ó Goberno propiciar o diálogo con todos os interlocutores afectados por esta problemática, así como a súa intervención inmediata antes de que se produza un colapso na cadea loxística e as fatais consecuencias nas que derivaría.