Portugal rebaixa ao 50% as peaxes das súas autovías
Onte 1 de xullo entrou en aplicación a Resolución nº 80/2021 do Consello de Ministros de Portugal de 17 de xuño, publicada no Diário da República de 28 de xuño, pola que se reducen nun 50% o valor das taxas das peaxes nas coñecidas no seu día como autoestradas «SCUTs», é dicir, aquelas autovías libres de peaxe ás que a partir de 15 de outubro de 2010 o Goberno portugués lles comezou a aplicar unha taxa polo seu uso mediante un sistema de cobro exclusivamente electrónico a través de pórticos.
O Goberno portugués fai así efectiva unha medida que xa estaba recollida nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021. Este desconto do 50% é de aplicación tamén aos vehículos pesados de transporte de mercadorías por estrada.
Concretamente, os treitos nos que aplica desde 1 de xullo a redución son os seguintes:
- A22-Algarve (Via do Infante).
- A23 – IP.
- A23 – Beira Interior.
- A24 – Interior Norte.
- A25 – Beiras Litoral e Alta.
- A28 – Norte Litoral.
- Concessões do Grande Porto (A41, A42) e da Costa da Prata.
Ademais, estes descontos son acumulativos cos que xa puideran existir nestas vías, en concreto co de nocturnidade do 30% que xa se aplicaba aos vehículos pesados, por circular en determinados pórticos entre as 22:00h. da noite e as 7:00h. da mañá.