Francia establece puntos de servizos de restauración para os transportistas onde non se esixe o certificado COVID-19

  • O acceso aos servizos de restauración sen a presentación do certificado COVID-19, é exclusiva para os profesionais do sector do transporte. Isto é, para acceder ao servizo deberase acreditar a condición de traballadores do sector.

Como xa se informou, dende o mes de agosto Francia esixía aos/ás transportistas a presentación do chamado “Pass Sanitaire” (Certificado COVID-19) nos pasos fronteirizos, así como para acceder a servizos como cafeterías e restaurantes.

Restaurantes sen «Pass Sanitaire» para profesionais do transporte por estrada

O Decreto no 2021-699 (Art. 47-1-II, apartado 6 °, letra d), prevé a posibilidade de exención da presentación do certificado COVID-19 para acceder aos establecementos de restauración en estrada, dada a súa proximidade ás vías principais e que son frecuentados habitualmente polos profesionais do sector do transporte.

Con isto, para apoiar aos/ás transportistas no desenvolvemento da súa actividade, Bison Futé elaborou un mapa con todos os establecementos nos que non se solicita o certificado COVID-19. Pódese consultar premendo aquí.

Así e todo, o acceso aos servizos de restauración sen a presentación do certificado COVID-19 só se aplica aos/ás profesionais do sector do transporte. Así pois, a fin de acreditar a condición de traballadores/as do sector, os condutores/as profesionais deberán levar a bordo do vehículo o “Certificado para os traballadores do sector do transporte internacional”.

Certificado para os traballadores do sector do transporte internacional

O certificado para os traballadores do sector do transporte internacional, aprobado pola UE en Marzo de 2021, pode empregalo calquera persoa que traballe a bordo dun medio de transporte (mercadorías e pasaxeiros), ou para desprazarse ao medio de transporte para comezar a xornada laboral. Pódese descargar, premendo aquí.

O certificado deberá cumprimentarse en francés, se ben a efectos de facilitar o seu entendemento pódese consultar o documento en castelán aquí. Ademáis, deberá estar asinado polo representante da empresa de transporte, ou directamente polo transportista se a empresa está ao seu nome.