O BOE publica a sentenza do Tribunal Supremo que anula parcialmente a regulación sobre perda do requisito de honorabilidade que estableceu o novo ROTT

  • O Tribunal Supremo anulou o procedemento establecido no novo ROTT en 2019 sobre perda da honorabilidade, admitindo a impugnación presentada no seu día polas federacións de transportistas, por consideralo pouco garantista e traspoñer incorrectamente o Regulamento europeo que o regula.
  • Unha vez publicada no BOE, Ministerio e Comunidades Autónomas deberán paralizar todos os expedientes de perda da honorabilidade que tiñan imposto durante os case dous últimos anos, ata que se tramite un novo procecto legal.
O Supremo admite o recurso das asociacións de transportistas

Como se ten denunciando reiteradamente polas asociacións de transportistas, a nova regulación sobre o requisito de perda da honorabilidade foi unha das regulacións máis controvertidas incluídas no novo Regulamento de Ordenación dos Transportes Terrestres (ROTT), polas consecuencias tan graves que implicaba a súa aplicación, entre elas o peche da empresa transportista, inclusive por causas non imputables a ela. Isto obrigou a que as organizacións de transportistas que compoñen o Comité Nacional de Transporte por Carretera presentasen no seu día un recurso ante o Tribunal Supremo, que foi admitido a trámite, ditándose sentenza o pasado 15 de outubro. Finalmente o 27 de novembro o Boletín Oficial del Estado publicou o extracto de dita sentenza do Supremo declarándose nula a regulación contida no novo ROTT sobre o procedemento establecido para decretar a perda do requisito de honorabilidade, por resultar contrario a dereito “pola incorrecta trasposición” do Regulamento europeo que regula dito requisito.

A sentenza, que anula un precepto enteiro do novo ROTT que foi aprobado en febreiro de 2019, sinala que o procedemento establecido limítase a un simple trámite de alegacións, sen garantía algunha para o administrado, cando debería terse regulado un procedemento administrativo completo. En palabras do propio Tribunal recollidas na sentenza: “Por isto, hai que concluír que a finalidade da esixencia do procedemento administrativo completo tras a imposición da sanción non pode ser senón o desexo de que haxa un procedemento cuxo obxecto específico sexa precisamente a comprobación de se a perda da honorabilidade é ou non proporcionada.”

Consecuencias da anulación

En consecuencia, unha vez publicada a sentenza no BOE, todos os procedementos sobre perda de honorabilidade tramitados polas Comunidades Autónomas e polo propio Ministerio ficarán paralizados e sen posibilidade de tramitar novos procedementos, sen que ata a data o Ministerio de Transportes teña informado sobre cando iniciará o trámite dun novo proxecto que amañe as deficiencias legais ditaminadas polo Alto Tribunal.