O TRIBUNAL SUPREMO PARALIZA CAUTELARMENTE A ORDE “TRAMPA” QUE RECURTA A VIXENCIA DA REVISIÓN DA ITV QUE OBRIGABA A PASAR A INSPECCIÓN 2 VECES MÁIS SEGUIDAS

  • O Tribunal publica un Auto dando a razón a Fenadismer no seu recurso contencioso-administrativo contra a Orde SND 413/2020, de 15 de maio, pola que se establecían medidas especiais para a inspección técnica de vehículos.
  • O Ministerio de Industria ditará unha resolución nos vindeiros días sobre os criterios a seguir nas estacións ITV, sobre se se aplica ou non con carácter retroactivo a suspensión da Orde aos vehÍculos que pasaron a ITV con anterioridade a este Auto.

ANTECEDENTES

Como se recordará, a Orde aprobada polo Ministerio de Industria o pasado mes de maio establecía un calendario flexible para poder pasar a revisión técnica nos próximos meses a todos os vehículos afectados polo peche das estacións ITV durante o estado de alarma, co fin de evitar deste xeito que colapsaran. Así e todo, esta Orde incluíu unha trampa pola cal, contravindo o Real Decreto que regula a inspección técnica de vehículos en España, no momento de pasar os vehículos a revisión, se lles pon na súa ficha técnica, non a data do día en que pasan a ITV, senón a data en que lles caducou, recurtándose así substancialmente a vixencia periódica para pasar a seguinte.

Esta sorprendente regulación tivo como consecuencia que milleiros de vehículos dedicados ao transporte de mercadorías, que por teren unha determinada idade deben pasar a ITV cada 6 meses, tiveran que pasar dúas veces seguidas a ITV en moi poucos días.

Ante unha norma tan perversa e aberrante, a nosa federación FENADISMER denunciou en primeiro lugar esta norma ante o Defensor do Pobo, que respaldou integramente esa denuncia sinalando entre outros argumentos que:

«carece de sentido acurtar artificialmente a vida da última ITV obrigando ao propietario do vehículo a realizar dúa inspeccións seguidas nun curto lapso de tempo que, nos casos máis extremos pode ser só duns poucos días. Isto evidentemente xera un custo e unha carga administrativa para os propietarios dos vehículos afectados sen que esa Administración tivera posto de manifesto que concorran razóns imperiosas de interese xeral que xustifiquen o recurte da vida legal das
ITV”.

A continuación, co aval do Valedor do Pobo, FENADISMER interpuxo con data 31 de xullo de 2020 recurso contencioso-administrativo contra a citada Orde SND 413/2020, de 15 de maio.

O SUPREMO DÁ A RAZÓN A FENADISMER

A sala 4a do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, mediante Auto de 24 de setembro de 2020, admite os argumentos expostos por FENADISMER para decretar a súa suspensión cautelar:

“xa que o contrario fai perder a súa finalidade lexítima ao recurso”, e que neste caso “están en conflito non un interese público fronte a un interés privado, senón só intereses privados enfrontados: as concesións de ITV e os titulares de vehículos”.

O Auto afirma que coincide co contido da resolución do Defensor do Pobo, que pon de manifesto que:

“ao descontar o período de prórroga está acurtando (a Administración) de xeito artificial o período de duración das ITV, producindo o efecto de obrigar aos particulares a realizar a seguinte operación antes do previsto”.

CONSECUENCIAS

Recoméndase a todos os transportistas que vaian a pasar nestes vindeiros días a ITV, para evitar problemas de interpretación e que non lles apliquen a norma suspendida polo Tribunal Supremo, que leven descargada a nota oficial publicada, que pode descargarse nesta ligazón:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder-Judicial/Noticias-Judiciales/El-Tribunal-Supremo-suspende-cautelarmente-un-apartado-de-la-Orden-por-la-que-se-establecen-medidas-especiales-para-la-Inspeccion-Tecnica-de-Vehiculos-por-el-Estado-de-alarma

Por outra banda, o Ministerio de Industria ditará unha resolución nos vindeiros días sobre os criterios a seguir nas estacións ITV de toda España, sobre se se aplica ou non con carácter retroativo a suspensión da Orde “trampa” de prórroga de ITV que recurtaba a súa vixencia aos vehículos que pasaron a ITV con anterioridade a este Auto do Supremo.

Convén advertir que os seus efectos só se aplican aos vehículos que lles tocaba pasar a ITV do 14 de marzo ao 20 de xuño, e se lles ampliou prazo, non á outra prórroga concedida aos vehículos que lles vencía entre 21 de xuño e 31 de agosto.