• O pasado venres 14 de maio, o Delegado de Estado na Zona Franca, David Regades, reuniuse con Apetamcor e demais asociacións de transportistas e operadores loxísticos, para presentar o proxecto de Centro de Servizos ao Transporte que este organismo planea desenvolver na área metropolitana de Vigo.
  • Aproximadamente 100.000 m² destinaranse a servizos para os/as transportistas.
Un complexo de 400.000 m2

O proxecto da Zona Franca de Vigo, consistirá na urbanización de 400.000 m2, dos que aproximadamente 100.000 se destinarán especialmente a servizos para os transportistas, e os restantes para a instalación de naves.

Zona Franca contratou a especialistas un estudo pormenorizado das posibles áreas onde podería establecerse dito complexo, barallándose fundamentalmente as áreas delimitadas pola intersección da A-55 coa A-52 e AP-9, no término municipal de O Porriño.

Unha vez definida a ubicación, procederase á redacción do proxecto sectorial e execución das obras, cuxo custo será asumido por Zona Franca.

Servizos para os transportistas

Dentro do espazo reservado específicamente para o servizo de transporte, inclúese unha zona de estacionamento vixiada de entre 200 a 500 prazas, e que podería contar con varias zonas diferenciadas:

  • Zona de servizos xerais para os vehículos: estación de servizo e talleres.
  • Zona de servizos para o transportista: restauración, salas de descanso e/ou hotel, e un centro de
    contratación de cargas e servizos aduaneiros.

Dende Apetamcor, felicítase ao delegado de Zona Franca pola iniciativa, demandada polo sector dende hai moitos anos. Vigo, como motor económico de Galicia, adoecía dun centro de servizos para o sector do transporte, tanto para os/as transportistas da zona, como para dar servizo aos vehículos pesados en tránsito de foráneas que precisen pernoctar o facer o descanso de fin de semana na área de Vigo, xa que actualmente non hai zonas de estacionamento vixiadas para vehículos pesados. Así e todo, insistimos na necesidade de garantir unhas tarifas accesibles ás posibilidades das empresas transportistas, fundamentalmente no relativo ás áreas de estacionamento vixiado para vehículos pesados.

Por outra banda, tamén se insistiu dende Apetamcor na necesidade de desenvolver urxentemente o aparcadoiro que Zona Franca tamén ten previsto na VG-20, á altura de Matamá, para dar servizo aos vehículos pesados que operan de modo capilar nas áreas industriais integradas na cidade de Vigo (Guixar, Bouzas, Caramuxo, Citroën e PTL), e para os que lles supón unha carga ou trastorno terse que desviar ata O Porriño.