Transportes presenta un novo Plan de impulso da sostibilidade do transporte de mercadorías por estrada

  • O Plan inclúe axudas para a renovación da frota, a dixitalización das empresas transportistas, e o establecemento estacionamentos seguros.
  • Tamén recolle medidas polémicas como o pago polo uso das infraestruturas viarias, o incremento da tonelaxe aos camións a 44 toneladas e 4,5 metros de altura, así como a regulación do duotráiler.

O pasado xoves 15 de abril, o Ministerio de Transportes presentou ás asociacións do sector as liñas estratéxicas do “Plan de Impulso da Sostibilidade do Transporte de Mercadorías por Estrada”, cuxa intención é poñelo en marcha nos próximos meses. Este, estruturase en tres áreas de actuación nos ámbitos sociolaboral, económico e ambiental. Cada unha delas, conta cunha serie de medidas de apoio económico e de regulación do sector do transporte de mercadorías por estrada.

Actuacións no ámbito sociolaboral

Por unha banda, o Plan recolle unha serie de actuacións relativas á regulación da carga e descarga, entre as que se prevé o establecemento dos supostos de exclusión e de responsabilidade en casos concretos, así como a súa regulación independente nos contratos de transporte.
Do mesmo xeito, inclúense axudas para a construción e mellora de estacionamentos seguros na rede viaria española, e o establecemento dun distintivo de empresa responsable, entre outras.

Actuacións no ámbito económico e ambiental

Por outra banda, contempla a aprobación dunha nova liña de axudas para a renovación das frotas, ligadas ao achatarramento de vehículos de maior antigüidade, así como para fomentar a dixitalización das empresas transportistas e a súa futura regulación de uso obrigatorio. Ademais, prevé o mantemento das actuais axudas ao abandono da actividade dos transportistas en idade avanzada, e da figura do gasóleo profesional no sector do transporte.

Así e todo, o novo Plan inclúe outras medidas máis polémicas e sobre as que o Goberno se compremeteu o pasado mes de Xullo a non aprobalas sen chegar a un consenso previo co sector. Estas medidas, son as relativas ao establecemento do pago polo uso das infraestruturas viarias (isto é, aplicar unha peaxe polo uso das autovías), prevendo un sistema de repercusión ao cliente cargador; a ampliación dos pesos e dimensión da actual frota de transporte a 44 toneladas, e 4,5 metros de altura; e a regulación dos duotráileres (vehículo de 31 metros e 70 toneladas).

Para a súa concreción definitiva e posterior posta en marcha, o Ministerio de Transportes comprométese a iniciar nas vindeiras semanas unha negociación cas organizacións do sector, a fin de debatir sobre cada unha das medidas propostas.